Ourense | O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, realizou unha visita institucional ao Concello de Barbadás.
Continuando coa rolda de contactos que o máximo responsable do Goberno de España na provincia está a levar a cabo, Santos reuniuse co alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, para abordar os proxectos estratéxicos que se desenvolveron nos últimos tempos no municipio e aqueles que están en trámite de execución.
Ademais, con esta visita, o subdelegado do Goberno buscou coñecer de primeira man as principais necesidades do municipio, como así lle manifestou o rexedor.
Eladio Santos destacou a “aportación do Goberno central á financiación do Concello de Barbadás e a inversión en medidas de aforro enerxético, que permiten unha importante redución das facturas e un aumento das posibilidades de inversión deste Concello”.