O Porriño | O primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Vías e Obras comunicou aos veciños dos lugares de Os Galegos, Torre, Carbón e Campo de Fútbol, na parroquia de Atios, que logo de meses de conversas entre o Goberno local e responsables de Fenosa, acadouse un acordo para a conexión da rede de media tensión do transformador de Os Galegos.
Manuel Carrera e os representantes de Fenosa estipularon, hai dúas semanas, que o enganche será soterrado e que nun prazo de dous meses estará regularizado o subministro eléctrico aos veciños destes barrios, de xeito que o mesmo teña as mesmas características de potencia e fluidez da electricidade que chega aos domicilios do resto do Porriño.
Fenosa xa rematou o proxecto para poder proceder a este ‘enganche’, proxecto que xa se presentou a Industria para que as obras poidan iniciarse nos vindeiros días, de xeito que o subministro chegue baixo terra, e non por postes de alta tensión, ás casas, como demandaban, dende hai moito tempo, a maioría dos veciños.