Galicia | A tradicional solidariedade dos Concellos galegos, neste caso das comarcas do Condado, Louriña e Baixo Miño así como a nivel provincial, fíxose presente á hora de enviar axuda humanitaria a diversas localidades da Comunitat Valenciana afectadas pola DANA e as recentes choivas e riadas.
O pasado 2 de novembro, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, participou nunha reunion telemática coa Xunta de Galicia para coordinar as accións de axuda e de xestión desta emerxencia. O Consorcio Provincial do Servizo Contra Incendios e Salvamento enviou cinco bombeiros e dous vehículos para colaborar nos labores de rescate de persoas e reparación dos danos causados pola DANA.
O parque de bombeiros do GES da Guarda foi o centro de recollida de axuda entre os días 4 e 5 de novembro para enviar a axuda á Comunitat. O Concello puxo tamén a disposición a Casa dos Alonso para a recollida de alimentos non perecederos, mantas, toallas e produtos de limpeza persoal.
De xeito conxunto, os Concellos de Ponteareas e o de Mondariz amosaron o seu lado máis comprometido e solidario coas vítimas da DANA enviando tres camións de axuda ao Concello de Sedaví, en Valencia. A Alcaldesa Nava Castro e o Alcalde Pablo Barcia tiveron dende o primeiro momento contacto coa concelleira de Servizos Sociais de Sedaví, Úrsula Isabel Campo, para coordinarse e poder atender o antes posible ás necesidades básicas de produtos de hixiene persoal e doméstica, produtos non perecedoiros, auga, leite, mantas e roupa de abrigo.
Paralelamente, nestes tres camións tamén viaxaron a solidariedade das veciñas e veciños dos concellos de A Lama e dos Moteiros do Morrazo e o compromiso social das empresas de transportes Gayoso, Cooperativa de Lérez e Carmelo así como o de Aguas de Mondariz, Tesis, Dosigal, Bopapel, Darlim, Restaurante Castelo e Distribuciones las 24 horas. Unha vez no polígono industrial recibirán as ordes do Concello de Sedaví que se encargará da distribución.
Pola súa banda, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo informou da saída rumbo a Valencia de persoal do Servizo Municipal de Emerxencias para colaborar nas tarefas de axuda á poboación tras a devastadora DANA. Mos puxo en marcha este dispositivo en resposta á petición solicitada pola Achega da Xunta a raíz do comunicado oficial da Comunidade Valenciana solicitando medios e axuda. O grupo está conformado por 5 persoas, 3 GES profesionais e 2 voluntarios da Agrupación de Protección Civil de Mos nun dispositivo de aproximadamente 10 días de duración portando consigo vehículos especializados e material de traballo. Tamén colaborou AEMOS co envío de 11 xeradores eléctricos.
Oia tamén quixo estar presente neste xesto de solidariedade. Do 4 ao 6 de novembro, o Concello iniciou unha campaña solidaria de recollida de alimentos e produtos esenciais para apoiar ás familias afectadas pola recente DANA na Comunidade Valencià. Recibíronse alimentos non perecedoiros, produtos de hixiene persoal, leite, auga, zumes, e artigos específicos para a alimentación e coidado de bebés.
Voluntarios de Protección Civil de Tui, que forman parte do dispositivo que coordina a Dirección Xeral de Protección Civil de Galicia, desprazáronse a Valencia nun dos vehículos da agrupación, con bombas de achique, xeradores e torres de iluminación, para axudar nas zonas afectadas pola DANA. O Concello agradeceu á empresa Grupo Altrasan por colaborar con bombas de achique e xeradores, e a Supermercados Froiz por subministrar auga e alimentos para os voluntarios.