Oia | areladefe cumpre 18 anos como tenda e taller de xoiería creativa e celebra a súa maioría de idade presentado a súa nova colección, titulada “O mar tamén ten mulleres”. Fe González, artesá veciña de Oia, atópase á fronte deste proxecto que combina o amor pola terra onde naceu, creceu e actualmente desenvolve o seu traballo; a aposta pola tradición e cultura galegas e a achega de perspectivas innovadoras en canto a deseños e materiais.
Desde 2005, areladefe traballa no deseño de xoias que combinan o traballo artesá e o deseño contemporáneo, con temáticas fondamente vinculadas ao territorio e sempre desde o compromiso co rural. A costa do Baixo Miño, o Camiño de Santiago e distintos aspectos da cultura galega son algunhas das temáticas sobre as que basea as súas creacións.
Co gallo do seu 18 aniversario como profesional xoieira, Fe presenta unha nova colección que se mantén fiel á esencia coa que botou a andar o seu proxecto. Baixo o título “O mar tamén ten mulleres”, inclúe distintas pezas elaboradas con elementos de tradición mariñeira e marisqueira, así como materiais recollidos á beira do mar. Como en moitas das súas creacións artesanais, unha parte de “O mar tamén ten mulleres” fai un chamamento a vivir con creatividade e ilusión, convidándonos a “voar”, “soñar”, “imaxinar” e buscar o “infinito”. E faino a través de mensaxes e coloridos deseños, todos eles ideais para lucir este verán.
O Mosteiro de Oia será o escenario da presentación oficial da nova colección de areladefe, nun acto íntimo entre amigas e amigos cos que celebrar a maioría de idade deste proxecto de artesanía creativa galega. Para a celebración, conta coa colaboración da adega Quinta de Couselo, restaurante Lorena, Los Sabores del Camino, Concello de Tomiño e o propio Mosteiro.