O Porriño | A estrutura deseñada por Antonio Palacios para acceder á estación do metro na Gran Vía en Madrid, construíuse en 1919 e desmontouse en 1970-71, despois de colocarse as escaleiras mecánicas como nova alternativa de acceso. Foi entón cando se enviou ao Porriño, por ser a súa cidade natal e desde entón permanece na contorna do cemiterio municipal.
O paso do tempo deixouse sentir no monumento, que presenta na actualidade un mal estado de conservación, ademais de perder no traslado elementos fundamentais, como a marquesiña de cristal.
Co obxectivo de dignificar como se merece esta obra de Antonio Palacios, a Xunta de Galicia e o Concello do Porriño impulsaron as obras de restauración, que se adxudicaron por 224.843 euros e deron comezo a semana pasada.
As actuacións previstas inclúen a limpeza e restauración da fábrica de pedra para, despois, realizar un revestimento de granito que permita recuperar o seu aspecto. Ademais eliminaranse os muretes que o delimitan no parque facilitando que sexa accesible desde todas as direccións e proxectarase unha pavimentación con granito azul noite xerando un espazo propio dentro do conxunto do parque.
Cando O Porriño se fixo cargo da obra, na demolición desapareceu a estrutura de metal e o cristal que formaba a marquesiña, quedando só elementos pétreos xunto a outros decorativos como os leóns de cemento. Por iso o proxecto complétase coa instalación da visera para protexer o monumento das inclemencias meteorolóxicas e dar acubillo a posibles actividades, e un elemento de vidro semellante ao orixinal da parada do metro así como a incorporación dun novo sistema de iluminación de presencia e ornamental.
A restauración do Templete de San Luis era algo moi demandado pola veciñanza e algo que tiñamos claro que había que acometer, que mellor forma conmemorar o seu 150 aniversario que coidar e poñer en valor o patrimonio que nos deixou ”, explica o rexedor, Alejandro Lorenzo, lembrando que “ao proxecto de restauración súmase o acondicionamento da súa contorna onde se creará un escenario, gradas e un gran área de xogo infantil que conta con chorros de auga”.