Ponteareas | A segunda edición de ‘Pinchotea’, a ruta de ‘pinchos’ que ten como obxectivo dinamizar a hostalería de Ponteareas, xa ten gañador. No salón de plenos celebrouse onte a entrega de premios no que “Trampantoxo de pera” do Túnel fíxose co primeiro premio da categoría “Cociña en miniatura”; La Preciosa co segundo premio desta mesma categoría e o terceiro premio para Carlota Burguer. Ademais, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro e o concelleiro de Comercio, Ricardo González, entregaron o premio do “Pincho Taverneiro” á cafetería Cortiñas. Os locais gañadores recibiron a placa de recoñecemento e as chaquetas Pinchotea, entre outros agasallos doados polas empresas colaboradoras. O resto dos locais participantes obtiveron o seu diploma.
Os membros xurados salientaron a alta calidade e creatividade de todas as propostas presentadas “todas elas moi elaboradas, sorprendentes e que detrás teñen moitas horas de traballo, ilusión e ganas porque cada pincho era unha explosión de sabores, de masas, recheos e salsas innovadoras pero que, á vez, fan guiños aos sabores tradicionais de Ponteareas e á cultura e señas de identidade da vila”. Engade o xurado que “sen que sone a cumprido, foi realmente moi complicado elixir ganadores porque todos estaban a un nivel similar”.
Os locais de hostalaría Casa Ferreira, Luna Flores e Troll recibiron unha mención especial do xurado “porque detrás de tanto sabor había unha preparación a fogo lento, unha moi boa materia prima e produtos de tempada ademais de fusión de comidas de fóra e tamén de aquí”.
Pero o sabor non é o único que valoraba o xurado, tamén o relato, o coñecemento do produto, a capacidade de xestión, ter en conta os tempos e, sobre todo, os vínculos coa tradición e señas de identidade locais.
De xoves a domingo e dende o 24 de outubro ao domingo 10 de novembro dezanove locais de hostalaría puxeron ilusión e sorprenderon aos seus clientes con creatividade e calidade.
Esta edición contou por primeira vez coa participación das dúas asociacións de comerciantes da vila que sortearon un xamón pata negra e que en cada compra ofrecían unha papeleta para participar no sorteo. “E facer así vila entre todas e todos porque en cada acción que pomos en marcha apostamos pola transversalidade e unha perspectiva afrontada dende varias áreas”, sinala a alcaldesa quen traslada os seus parabéns e agradece o compromiso tanto da hostalaría local como dos comercios, “estamos orgullosos por esa aposta pola calidade e aínda que sei que todos merecían premios estou segura de que todos ganaron porque ofreceron unha boa imaxe dos seus locais e da vila”.
No salón de plenos tamén se sortearon as dúas viaxes para dúas persoas, os dous vales para facer ráfting en grupos de catro, os bonos para as augas termais doados polo Concello de Salvaterra de Miño e máis de trinta paquetes de produtos doados por Catro Parroquias, Elena Pérez, Cafes Do Noso, Adega Loeda, Casa Ferreira e Revi que entregou un cheque por 300€ ao gañador de “Cociña en miniatura”.
O concelleiro de Comercio, Ricardo González, adianta que seguirán deseñando actuacións da Asociación de Comerciantes Banastra e da Asociación de Comerciantes Tea así como coa hostalaría e que en breve arrancará a campaña de nadal cunha edición especial de bolsas e o mercadiño navideño. “O obxectivo ér fortalecer o tecido social e económico de Ponteareas. Estamos orgullosos de poder dicir que nesta segunda edición contamos co dobre de establecementos de hostalería que o ano pasado e iso significa que é unha iniciativa importante para os veciños, veciñas e visitantes, pero tamén para todos os hostaleiros da zona”. Por último, Ricardo González traslada o seu agradecemento ao xurado formado por profesionais do sector, do ámbito educativo (Centro docente EFA A Cancela) que visitou cada local para realizar o informe de valoración.