O Tribunal Supremo abre causa contra o senador Manuel Baltar por condución temeraria

O PSdeG considera “unha perigosa conduta, coa que puxo en risco a vida doutras persoas”

Ourense | O PSdeG-PSOE de Ourense, ante a nova de que a Sala Penal do Tribunal Supremo abre causa contra o senador do Partido Popular, Manuel Baltar, a raíz de conducir o seu coche oficial a 215 quilómetros por hora na A-52, cando aínda era presidente da Deputación de Ourense e do Partido Popular provincial, pon de manifesto que estamos ante un paso “lóxico e obvio”, despois dos seus presuntos delitos de condución “temeraria”.

Dende o PSOE ourensán sinalan que “confiamos na administración de xustiza” e apuntan a que “agardamos que Manuel Baltar deixe de eludir a acción da xustiza, con evidentes tretas dilatorias e asuma inmediatamente as súas responsabilidades de presuntos delitos recoñecidos por el mesmo nunha carta coa súa sinatura”. Os e as socialistas fan fincapé en que o Tribunal Supremo “vén de apreciar indicios dun delito contra a seguridade viaria”, segundo consta nun auto datado o pasado mércores 5 de novembro.

Os e as socialistas lembran que Manuel Baltar xa eludiu a súa comparecencia nos xulgados en ocasións anteriores, nunha manobra “vergoñenta” ante o que consideran “unha perigosa conduta coa que puxo en risco a vida doutras persoas”. Tamén poñen de manifesto que “agardamos acontecementos e estamos expectantes ante a decisión que vai tomar o Partido Popular no Senado”, xa que tal e como apuntan “agardemos que non empreguen a maioría absoluta da que dispoñen na cámara alta para evitar que Manuel Baltar compareza dunha vez por todas ante a xustiza”.

Refuxio
O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, afirma que “todas as persoas somos iguais ante a lei, e Baltar, coma calquera outro cidadán, debe asumir as consecuencias dos seus actos”. O senador socialista pola provincia de Ourense ten claro que o Senado “non pode ser refuxio ou instrumento de escape de quen debe responder das súas accións antisociais, pois o seu cargo coma presidente require dunha exemplaridade excepcional, do mesmo xeito que acontece coa de senador por designación autonómica, que o sinala como referente de Galicia na cámara alta das Cortes Xerais”.

Dende a executiva provincial do PSdeG-PSOE teñen claro que unha conduta “antisocial” como a do actual senador do Partido Popular é “intolerable” e fan fincapé en que “é necesario que a provincia de Ourense teña cargos exemplares que sirvan de referente a toda a cidadanía”. Unha exemplaridade que en palabras dos e das socialistas “Manuel Baltar non posúe a día de hoxe”.

O PSdeG-PSOE de Ourense lembra que este non é o “único” capítulo de “condución temeraria” do ex presidente da Deputación de Ourense. Cabe sinalar que a Cadena Ser difundiu no seu día probas evidentes dunha segunda multa por circular a 173 qm/h pola autovía A-52 en Allariz, tan só 54 minutos antes de ser cazado pola Garda Civil delinquindo en Zamora, ao rebasar os 215 qm/h cun coche oficial da institución.

Os socialistas afirman que “non estamos ante un erro illado”, xa que o vehículo oficial do entón presidente acumulaba ata 10 sancións durante o seu último mandato ao fronte da Deputación e en tres delas, Baltar foi identificado como infractor.

O PSdeG-PSOE presentou, no seu momento, unha fotografía do momento exacto no que un coche oficial da Deputación de Ourense foi multado con 1.500 euros por ir 157 qm/h nunha zona limitada a 90, na que se aprecia a José Manuel Baltar no interior do vehículo, tras asegurar o propio presidente que fora “imposible identificar” aos ocupantes. Na foto, Rafael Rodríguez Villarino no salón de sesións da Deputación de Ourense coa foto dunha multa de tráfico a Baltar.