Ponteareas | O goberno de Ponteareas deu conta en rolda de prensa do seu primeiro ano de goberno de lealdade e respecto entre socios e coa cidadanía de Ponteareas, así resumía alcaldesa e primeiro tenente de alcaldesa estes 365 días de traballo.
Xestión e compromiso son as claves para hoxe lanzar os máis de cincuenta feitos cumpridos. “Da deixadez ao cariño”, o goberno de Nava Castro e Juan Carlos Carrera pensa que esta é a fórmula para o cambio que está experimentando Ponteareas.
Cun orzamento de vinteún millóns de euros e o apoio para investimentos da Deputación e da Xunta de Galicia e 23.500 habitantes aos que dar servizos, o goberno de Ponteareas conseguiu aprobar un orzamento para 2024 en tempo e forma, rematar edificios para usos públicos como o Centro de Emprendemento; facer de titularidade municipal a nave de Aceros del Tea futuro mercado municipal; implantar un Programa Integrado de Emprego para 100 beneficiarias/os e conseguir en tan só seis meses de un 40% de inserción; desenvolver o Plan Xeral para facer viable e dar seguridade garantía ao solo industrial da Lomba; conseguir fondos e redactar o proxecto para a nova escola infantil; a mellora enerxética da residencia de maiores; crear unha nova ludoteca; remodelar os vestiarios de Pardellas; reparar a cuberta dos dous pavillóns municipal e da piscina; un campo de tiro, incrementar as axudas para as traídas de augas; adxudicar a primeira fase de saneamento de Ribadetea; duplicar a partida para baleirado de fosas sépticas; obter a bandeira de Sendeiro Azul para a Freixa e o certificado de Vilas en Flor; ter unha sede da extensión da UNED e unha residencia de Artistas; melloras nos centros educativos, recuperar a oficina de información xuvenil; facer realidade un novo centro de saúde ou reforzar os servizos de atención temperá así como dotar o campo de fútbol de San Mateo de novo céspede.
“Da deixadez ao cariño’ (…) a fórmula de Nava Castro e Juan Carlos Carrera para o cambio que está experimentando Ponteareas”
“Pequenos e grandes proxectos pero todos eles de igual importancia porque para nós o primeiro son as persoas e as súas necesidades. Temos a responsabilidade de facer todo o posible para dar calidade de vida. O noso papel é buscar os apoios, planificar e buscar os recursos para dar solucións. A cidadanía confiou en nós e traballamos cada día para que Ponteareas sexa un lugar mellor no que vivir”, sinala a alcaldesa.
O primeiro tenente de Alcaldesa asegurou que “por fin Ponteareas ten normalidade e todo iso é porque existe unha atención directa, unha ampliación de recursos humanos que atenden as necesidades da cidadanía e aos que lles dou as grazas polo seu traballo, temos relación fluída con todas as administracións e gobernamos para todas e todos”. Palabras que sustenta en feitos como o millón e medio detrás da primeira fase de saneamento de Ribadetea; os 500.000€ para o obradoiro de emprego; o programa de inserción de poboación inmigrante, etnia xitana e colectivos en riscos con 500.000€; a primeira licitación do subministro de electricidade con 800.000€; 200,000€ da nova ludoteca; 1.200.000 para facer realidade a nova escola infantil; un investimento de 1.250.000€ para dar servizo ao emprendemento no CEDEP; 220.000€ para promover o emprego co Programa Integrado de Emprego e novos edificios municipais como Aceros del Tea cun investimento de 900.000€ salientan en cuestión de infraestruturas e novas dotacións.
“Por fin Ponteareas ten normalidade e todo iso é porque existe unha atención directa”
“Ademais, da ampliación da dotación de Policía Local coa suma de catro novos axentes que traballarán para ser unha policía social e de incrementar de 3 a 5 profesionais no servizo de garda de Bombeiros. Agora podemos axudar porque temos recursos e ese é o motivo polo que temos moitas solicitudes para celebrar probas ou actividades na nosa vila, exemplo diso é o Festival Afluente que se presenta este sábado e que traerá a Ponteareas a milleiros de mozas e mozos porque este Concello se encargou de limpar e acondicionar espazos nos que poder desenvolver esta e outras moitas actividades, iso é xestión e iso vai moito máis aló dos números, é cuestión de vontade”, engade Juan Carlos Carrera.
Nisto mesmo coincide a Alcaldesa que insiste en pór a diario empeño e ilusión en resolver e mellorar porque iso é o que “fai vila, o que nos une, o que nos fai estar a gusto e orgullosos”. Engade a alcaldesa que detrás de todo está a planificación integral, a vista a longo prazo e deseñar cada espazo como parte de un todo, “protección e coidado do medio ambiente porque temos un patrimonio natural privilexiado que nos facilita espazos para o deporte ao aire libre, para o paseo, para o encontro.
En sintonía con isto corresponde ter un centro urbano verde, agradable con comercio local, con mobiliario urbano axeitado, con propostas de actividades de lecer e formativas, con espazos para emprender e traballar en rede, que atraia a investigadores, a turistas e tamén ao tecido empresarial”. Exemplo desta dinámica para reactivar a vida en Ponteareas son iniciativas tan exitosas como Talento Xove ou Saborotea no que promover a participación de toda a cidadanía con actividades transversais.
Na axenda de traballo está o cámping da Freixa como recurso turístico que dinamizará Ponteareas e o resto das vilas do Condado Paradanta, ao igual que a posta en marcha da Residencia de Artistas pública e multidisciplinar, a sede da UNED ou o novo mercado municipal que son exemplos de servizos de alcance comarcal que asume Ponteareas.
BNG: “nefasto” e “irresponsable” primeiro ano de goberno
O BNG fixo balance do primeiro ano de goberno de Nava Castro, cualificándoo como “un ano nefasto para Ponteareas”. A través do seu portavoz municipal, Miguel Bouzó, o Bloque sinalou que “este goberno supuxo un freo aos avances e transformacións logradas na localidade nos últimos anos, e confirmou a intención da dereita de instaurar un regreso ao pasado escuro para Ponteareas do que sairamos no 2015.”
“Cando chegaron ao goberno contaban con tres grandes infraestruturas en marcha, financiadas cos fondos europeos logrados polo goberno do BNG: o Centro de Dinamización Empresarial, un Centro Cívico para colectivos, asociacións, servizos sociais e mocidade, na Praza Maior, e un novo equipamento sociocultural cunha praza cuberta para actividades, na nave de Aceiros”, lembrou Bouzó.
“Para cumprir os caprichos da alcaldesa, renunciaron ao Centro Cívico e aproveitáronse do traballo de rehabilitación deste edificio para crear nel un albergue con pensión completa para artistas, prexudicando ao tecido social da vila e dedicando fondos públicos a exercer unha competencia desleal a hostalaría local. O tripartito de Castro tamén mudou o proxecto da nave de Aceiros, para facer alí outro Mercado e pechar o actual, perdendo así tempo e diñeiro e desfacéndose da renovación que estaba proxectada polo BNG para que o Mercado actual fose un novo espazo comercial, moderno e con aparcadoiro interior”, lamentou o portavoz do Bloque.
“Isto demostra a irresponsabilidade e indiferenza coa que que xestionan o diñeiro de todas e todos”, sinalou Bouzó, que fixo fincapé na “nefasta xestión económica do tripartito”. “Cando chegaron ao goberno contaban con máis de 12 millóns de euros retidos e autorizados para gastos fixos do Concello, e mesmo así deixaron facturas sen pagar, e empresas ou provedores agardando meses. Para ocultar a súa incompetencia, decidiron inventar a trola dunha suposta débeda que, a día de hoxe, aínda non conseguiron demostrar”, sinala o portavoz nacionalista.
“A irresponsabilidade e indiferenza coa que que xestionan o diñeiro de todas e todos”
Ademais, o BNG destaca “as continuas irregularidades” que comete o goberno liderado polo PP na xestión municipal, que inclúen “o pago de facturas falsas a unha empresa de comunicación por servizos non realizados, a contratación dunha empresa para subministracións que xa estaban noutro contrato ou o fraccionamento de contratos para adxudicalos a dedo en lugar de convocar concursos públicos aos que poida optar calquera empresa.”
“Mentres teñen facturas sen pagar e recortan o apoio ás necesidades de colectivos e veciñanza, continúan acometendo gastos innecesarios para caprichos da alcaldesa, como 12.000 euros nunha alfombra, 30.000 euros en tea ou máis de 100.000 euros no valado de Corpus”.
“A súa preocupación é beneficiar aos seus, por iso Nava Castro, ademais de favorecer a empresas amigas, recolocou ao seu cuñado no concello, onde xa fora colocado a dedo nos anos 90, e beneficia á súa concelleira Raquel Plana, mercando terreos para construír un novo centro de saúde fronte á súa clínica privada familiar. Volven ás andadas, querendo converter o Concello na súa particular oficina de colocación de familiares e amigos, como no pasado, porque o enchufismo e a corrupción van no seu ADN, é a esencia vital do PP”, insiste o BNG.
Miguel Bouzó destacou tamén o esquecemento do rural. “Mentres gastan miles de euros en plantas para parques e xardíns do centro da vila, os parques infantís das parroquias están completamente abandonados, cos elementos de xogo inutilizables e ocultos pola maleza”. Ademais, o Bloque afea ao tripartito as mentiras co saneamento, lembrando que “o BNG logrou a ampliación da depuradora, e a pesar das promesas de Nava Castro de completar o saneamento en todas as parroquias en só dous anos, xa pasou un e non se produciron avances significativos”.
“Miguel Bouzó destacou tamén o esquecemento do rural”
Así mesmo, o edil do Bloque lembrou “o retroceso en materia de mobilidade, provocando que o espazo público volva estar invadido polos coches. O tripartito actúa a golpe de ocorrencias e caprichos para rachar co traballo executado polo BNG con rigor e planificación”. En canto á dinamización da vila, lamentou a redución da actividade cultural e educativa e a desaparición de eventos consolidados como a Semana das Ciencias ou o Festival Internacional de Teatro de Rúa. “Neste ano xa pasaron tres concelleiros distintos pola área de Cultura, pero a actividade cultural municipal continúa a ser anecdótica na vila e inexistente nas parroquias, sendo os colectivos sociais os que se afanan para poder ofrecer actividades á veciñanza.”
Bouzó concluíu denunciando “as actitudes antidemocráticas do goberno tripartito de Nava Castro (PP), Juan Carlos González (ACIP) e Mingos Freitas (IP), que foxen da participación e a transparencia e mesmo dificultan o traballo do BNG, impedindo o acceso a documentación básica ou a dependencias municipais, incumprindo acordos adoptados e faltando ao respecto nos plenos con interrupcións e provocacións”.
“Como forza alternativa de goberno, o BNG seguirá traballando na defensa dos intereses veciñais, procurando unha xestión responsábel, transparente e dende a participación democrática, co obxectivo de garantir que se atendan as necesidades das persoas e entidades de Ponteareas”, sentenciou o portavoz do Bloque.