O TSXG aclara que a edificabilidade no rural se reducíu no PXOM por mandato da Xunta de Galicia e da Lei do Solo

O Tribunal deixa en evidencia as graves mentiras lanzadas por ACIP e Juan Carlos González, quen debería presentar a súa demisión, según Mera

Ponteareas | O extenente de alcalde de Ponteareas, Roberto Mera, explicou hoxe que as sentenzas do TSXG que avalaron o PXOM de Ponteareas e rexeitaron os 14 recursos interpostos, “deixaron claro que, como dicía o goberno de Xosé Represas, a redución de superficie edificábel no rural era unha orde da Xunta e un mandato da Lei do Solo e, en ningún caso, unha decisión do noso goberno municipal”.

Mera lembrou que durante varios anos a oposición, especialmente a ACIP de Juan Carlos González, desenvolveron polas parroquias de Ponteareas unha campaña demagóxica e populista baseada en mentiras. “González Carrera acusaba ao noso goberno de impedir co PXOM a construcción de vivendas no rural, unha mentira que, repetida mil veces, moitas persoas de boa fe chegaron a crer e que agora a xustiza desminte deixando en evidencia as falsidades que se verteron por parte de ACIP e o seu líder”.

Roberto Mera explica que na propia sentenza que rexeita o recurso de Juan Carlos González cun grupo de promotores, se recolle que no “suelo de núcleo rural” entre a aprobación inicial e a final do PXOM houbo “un cambio cuantitativo del 41% de la superficie clasificada como suelo de núcleo rural (…)” e engade que “los cambios vinieron impuestos por la fiscalización efectuada por la Administración autonómica, en aplicación estricta de la legalidad y sin discrecionalidad alguna” concluindo que se trataba de “modificaciones impuestas por la Administración autonómica, de carácter reglado y no discrecional” que non vulneraron ningún dereito da cidadanía.

“González Carrera e ACIP acusaban ao noso goberno de impedir co PXOM a construcción de vivendas no rural. Agora a xustiza demostra que eran mentiras e falsidades”

Na mesma sentenza, o Tribunal explica que a Consellería obrigou ao Concello a “eliminar 8 bolsas de suelo por no responder a la definición de suelo de núcleo rural; el ajuste del perímetro a las huellas físicas de diez núcleos rurales y otros diez polinucleares; el reajuste del perímetro de los núcleos histórico tradicionales a la distancia máxima de 50 metros a las edificaciones tradicionales de unos 75 núcleos y otros 50 polinucleares; subsanar el incumplimiento de la consolidación mínima en 46 núcleos y otros 24 polinucleares; eliminación de las parcelas vacantes en el perímetro de los núcleos sin crecimiento de 34 núcleos y otros 17 polinucleares”.

O TSXG engade que ”todos ellos son cambios tasados, corregidos en el documento definitivo según las indicaciones dadas. Ello da lugar a que se clasifique como suelo rústico, igualmente reglado y no discrecional. (…). Ello no supone un cambio de modelo que haya de dar lugar a un nuevo trámite de información pública, en concreto el modelo de acogida de nuevas viviendas en el suelo de núcleo rural (…)”.

“Roberto Mera considera que González Carrera debe asumir a súa responsabilidade política, pedir desculpas a toda a veciñanza e presentar a súa demisión ao quedar demostradas xudicialmente as súas falsidades”

O extenente de alcalde Roberto Mera considera que Juan Carlos González debe asumir a súa responsabilidade política, pedir desculpas a toda a veciñanza do rural que creu nas súas mentiras e presentar a súa demisión ao quedar demostradas xudicialmente as súas falsidades. Mera amosouse satisfeito coas sentenzas porque “poñen a cadaquén no seu lugar e confirman o que sempre dixemos, coa verdade por diante: que o goberno local non podía aumentar no PXOM a superficie edificábel no rural, por imposición da Xunta e da Lei do Solo”.