Ponteareas | O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimou o recurso presentado por unha promotora propietaria de terreos incluidos na Área de Reparto nº20 do PXOM, na que se ubican solares situados entre a Avenida Sarmiento Rivera, fronte ao cuartel da Garda Civil, a rúa Redondela, a rúa Curuxeira e a rúa Alexandre Bóveda.
O PXOM de Ponteareas, aprobado polo bipartito do BNG-PSOE en 2021, contempla que nesa área de reparto, os promotores, para poder edificar no tramo da rúa Alexandre Bóveda aínda sen abrir e urbanizar, deben ceder gratuitamente ao Concello os terreos actualmente empregados como aparcadoiro público así como outra parcela lindante coa rúa Redondela, na que se atopa unha vivenda antiga que o PXOM prevé destinar a equipamento público, sumando en conxunto uns 10.000 m2.
Co seu recurso, a promotora pretendía, entre outras cousas, que se eliminase a obriga de ceder gratuitamente ao Concello esa superficie, ao considerar que xa fora cedida hai anos cos terreos do actual Parque das Pombas.
En consecuencia, explica Mera, “o recurso puña en risco outro dos logros importantes do PXOM, que era a cesión gratuita duns 10.000 m2, para espazos públicos, aparcadoiro e novos servizos mediante a restauración e rehabilitación da coñecida como Casa Sarmiento. De ter prosperado o recurso, teríamonos quedado sen o aparcadoiro e resto dos terreos”.
O extenente de alcalde (BNG) lembrou que co PXOM tamén se lograron os terreos de Granitos de Galicia onde actualmente existe un aparcadoiro así como as naves de Aceros del Tea, ou os terreos do Parque Ferro Ucha. “De terse anulado o PXOM como pedía Juan Carlos González (ACIP) xunto a numerosos promotores e construtores, Ponteareas tería perdido todos eses espazos que se terían mantido como propiedades privadas”.
Mera salientou que “os recursos e as decisións do TSXG revelan a importancia do PXOM que aprobamos en 2021 e demostra que o urbanismo que definimos para os vindeiros anos está ao servizo da xente e do pobo, para o seu beneficio, mediante a obtención de grandes superficies de terreo para uso público. É un novo urbanismo situado nas antípodas do urbanismo da dereita dos 40 anos anteriores, nos que o Concello apenas obtivo terreos mentres a especulación ocupaba e expoliaba até o último metro cadrado do centro urbano sen zonas verdes, con rúas estreitas e beirarrúas ridículas.” Segundo o extenente de alcalde, “os recursos presentados por promotores e políticos como Juan Carlos González foron o seu último intento desesperado e fracasado para protexer os seus intereses económicos particulares en prexuizo dos intereses xerais”.