O TSXG avala o PXOM de Ponteareas e tumba os recursos presentados por promotores inmobiliarios, políticos e particulares

O extenente de alcalde Roberto Mera (BNG) deu a coñecer as sentenzas ante a ocultación da información polo goberno local e actores políticos que as coñecen dende hai un ano

Ponteareas | O extenente de alcalde entre 2019 e 2023, Roberto Mera (BNG), revelou hoxe que o TSXG rexeitou e tumbou os recursos presentados por promotores inmobiliarios, políticos e particulares contra o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) aprobado polo goberno bipartito do BNG-PSOE en 2021. O nacionalista salienta que “as sentenzas do TSXG avalan de principio a fin a legalidade e corrección do Plan Xeral que con tanto esforzo logramos aprobar”.

“As sentenzas do TSXG avalan de principio a fin a legalidade e corrección do Plan Xeral que con tanto esforzo logramos aprobar”

Mera explicou que fai pública esta información “a título particular” diante da “ocultación absoluta do goberno local e do silencio inexplicábel de outros actores políticos que, a pesares de coñecer as sentenzas dende hai un ano, non as fixeron públicas nin as deron a coñecer.”

O extenente de alcalde, quen accedeu ao contido das sentenzas a través do Centro de Documentación Judicial do Consejo General del Poder Judicial (CGPJ) engadíu que “a veciñanza e a opinión pública teñen dereito a coñecer unhas decisións xudiciais de excepcional importancia para Ponteareas e gran repercusión económica, social e política”.

Mera lembrou que “cando o Alcalde Pepe Represas, auténtico artífice da aprobación do PXOM, enfermou, encargoume rematar os traballos coa arquitecta municipal e o equipo redactor para conseguir que a Xunta aprobase o Plan Xeral. Por iso a miña obriga moral, co alcalde Represas e coas persoas que fixeron posíbel o PXOM, é comunicar e anunciar que foi avalado pola xustiza fronte a aqueles que quixeron anulalo”.

Roberto Mera explica que os recursos foron presentados individual ou conxuntamente por 11 promotores inmobiliarios e empresarios, por Juan Carlos González Carrera, líder de ACIP e actual tenente de alcalde e por 6 particulares.

Catro dos recursos pretendían a anulación completa do Plan Xeral, entre eles o presentado por Juan Carlos González, mentres que os demais solicitaban modificacións. Todos os recorrentes foron condenados a pagar as custas ao Concello de Ponteareas e á Xunta de Galicia por un importe total de case 20.000 euros para cada administración.

Mera amosou a súa satisfacción e salientou que “as resolucións xudiciais rexeitan con contundencia os recursos e avalan a legalidade do PXOM, desmontando tanto os argumentos empregados nos recursos como as duras críticas e falsidades lanzadas durante a tramitación do Plan por aqueles partidos e sectores económicos que querían evitar a toda costa que o noso goberno aprobase un Plan fundamental para o futuro de Ponteareas”.

“A miña obriga moral, co alcalde Represas e coas persoas que fixeron posíbel o PXOM, é comunicar e anunciar que foi avalado pola xustiza fronte a aqueles que quixeron anulalo”, di Mera.

O extenente alcalde considerou “unha gran noticia para Ponteareas, para a veciñanza e a economía local, que o PXOM fora avalado xudicialmente” e adiantou que continuará ofrecendo nos vindeiros días máis información detallada e moi relevante politicamente sobre as sentenzas.