Aldea Global | Xosé Merelles Remy, director de Turismo de Galicia, participou na acción promocional Galicia MICE en Madrid promovida pola Organización Profesional, para compartir con empresarios do sector as potencialidades da Comunidade galega neste eido.
“O turismo de reunións xera na nosa Comunidade máis de 43 millóns de euros ao ano”, expresou o director de Turismo ao tempo que recordou que se trata dunha das accións prioritarias na Estratexia de Turismo de Galicia 2030, “que leva na súa axenda un completo programa de accións para dinamizar o turismo urbano e todos os atractivos que se derivan del”.
Xosé Merelles destacou que “o turismo de reunións en Galicia experimentou un notable desenvolvemento durante o últimos 10 anos, debido, en parte importante, ao aumento e mellora das infraestruturas necesarias para o desenvolvemento deste produto turístico”. Ademais, puxo en valor o incremento das prazas hostaleiras, a creación de palacios de congresos, así como a singularidade que ofrece Galicia ao ofrecer lugares especiais para celebrar eventos como pazos, mosteiros…, a mellora na mobilidade e a aparición de empresas especializadas, como factores determinantes neste auxe.
Neste sentido, subliñou que non só a Administración autonómica se decatou da potencialidade de Galicia para acoller estas citas, senón que tamén o fixeron empresas organizadoras e outras que ven como este turismo é altamente rendible e contribúe a xerar actividade económica.
Ademais, o director de Turismo de Galicia destacou tamén que unido á celebración destas grandes citas está tamén a divulgación e proxección que se fai da Comunidade galega nas áreas temáticas dos congresos, foros e reunións.
Tamén salientou a capacidade deste segmento turístico para a desestacionalización xa que, segundo apuntou, son os meses de xuño, febreiro e novembro os meses nos que se rexistran o maior número de congresos e eventos. En canto á participación estímase que máis de 400.000 persoas acudiron a 965 congresos e eventos en Galicia, con cifras anteriores á pandemia.