Cadernos da viaxe.
O Goberno do Estado teimou no seu erro e botou once días sen sentar coa plataforma convocante do paro dos transportistas. Ao tempo fallou tamén en agardar ao cumio do Consello Europeo para anticipar medidas fiscais e subvencións que varios Estados europeos levaban desenvolvendo dende os días 16-18 de marzo.
Das resultas destes erros existiron graves problemas de desabastecemento na distribución alimentaria e peores tensións no sistema produtivo, pola falla de recollida do leite e peixe e falla de fornecemento de pensos.
Pedro Sánchez e as súas ministras non foron quen a distinguir entre o urxente e o importante, entre o curtísimo e o curto-medio prazo. A baixada xeral do IVE da enerxía eléctrica e dos carburantes e dos impostos especiais destes non constitúe unha solución estrutural, mais si conxuntural, temporal.
“Pedro Sánchez e as súas ministras non foron quen a distinguir entre o urxente e o importante, entre o curtísimo e o curto-medio prazo”
Porque a inelasticidade no consumo destes recursos permite deflactar uns meses a tarifa no impacto da inflación e manter un gravame semellante en termos reais. Dicir isto non é asumir as teses da dereita nin da extrema dereita , partidarias, pola contra, de baixos impostos estruturais e do infrafinanciamento dos servizos públicos.
Tamén é urxente unha subvención directa aos transportistas nun mínimo de 0,30 €/l.. E máis as reformas lexislativas que impidan traballar a perdas que xurídicamente poden ser aprobadas a medio de Decreto-Lei,
Canto ás actuacións a respecto do consumo eléctrico o Goberno do Estado acadou do Consello Europeo un marco para rebaixar o seu prezo, atendendo á cualidade de “illa enerxética” da península ibérica. Abondo para a redución substancial dos prezos no moi curto prazo, sen ningunha caste de excusas. E que habería de pasar tanto polos límites á produción con gas como con instalacións abondo amortizadas como as centrais hidroeléctricas.
Na axenda do importante, do curto-medio prazo, fica para maio-xuño a necesaria reforma europea dun absurdo sistema marxinalista de tarifación eléctrica. E na beira do Estado regular as regras da representatividade real dos sectores empresariais e da garantía da libre concorrencia, que impida que os grandes operadores loxísticos, a grande distribución alimentaria, as grandes distribuidoras eléctricas e os grandes lobbies construtores-concesionais impoñan as suas desaqueladas condicións aos autónomos e pemes e ás persoas consumidoras.
Ollando cara nós, a consideración da península como illa enerxética obriga por outravolta na axenda o problema dunha Galicia que exporta o 40% da electricidade que produce , suxeita a elevados custos ambientais e económicos e que, pola contra, non pode subvencionar o consumo das súas empresas e familias.