Ourense | Dous proxectos presentados polo Concello de Ourense quedan fóra dos fondos Next Generation: a rehabilitación integral do antigo cárcere da cidade, de case 3 millóns de euros e a rehabilitación integral da Casa do Concello, de 1 millón de euros. O Executivo de Jácome explica que, no caso das axudas non conseguidas, “a puntuación obtida e a calidade das propostas non foron suficientes, tendo en cuenta a magnitude doutros proxectos” que concorreron á mesma convocatoria.
No mandato 2019-2023, o goberno de Pérez Jácome cifraba en algo máis de 7,7 millóns de euros os fondos públicos conseguidos para a capital ourensá. Na súa gran maioría, fondos Next Generation. O Goberno municipal fala de “balance positivo” a este respecto.
Ademais do mencionado “balance positivo” que fai do asunto o Goberno de Pérez Jácome, o propio alcalde destaca que o conseguido logrouse “sen necesidade dunha alocución directa con ministros ou demais cargos do poder”. Sen que quede claro se iso equivale a que Pérez Jácome declinou pedir favores nos despachos, ou a que o conseguido (7,7 M€) logrouse sen o menor esforzo.
A concelleira do PP, Sonia Ogando, afirmou que “Jácome acaba de perder a oportunidade única de rehabilitar con fondos europeos PIREP o antigo cárcere”, tras coñecerse a denegación dos mesmos con cargo a fondos PIREP. Segundo a edil popular, a negativa produciuse “porque nin foi capaz de realizar un proxecto serio para optar ás axudas”.Segundo Ogando, foi o “principal motivo polo que foron denegados” os fondos, tanto para rehabilitar o edificio do cárcere como para remodelar a Consistorial. Incide en que sí se autorizaron os 608.224 euros dun proxecto que “non xestionou Alcaldía directamente”. Na foto o edificio do antigo cárcere provincial na rúa Progreso.