Pontevedra | Dende o 6 de agosto ata o 16 de outubro o Museo de Pontevedra albergará a exposición “Ruth Matilda Anderson. Unha viaxe pola indumentaria tradicional de Galicia” que representa as vestimentas tradicionais fotografadas por esta artista estadounidense nas súas viaxes a Galicia entre os anos 1924 e 1926.
Esta exposición é organizada polo Museo en colaboración coa Hispanic Society de Nova York, que se encargou de aportar o material fotográfico e comisariada pola pontevedresa Asociación Etnográfica Sete Espadelas.
Con máis de 75 traxes e 150 fotografías, a mostra reproduce cada unha das vestimentas fotografadas por Ruth Matilda Anderson na súas viaxes a Galicia entre 1924 e 1926 por encargo da Hispanic Society de Nova York.
A exposición fará un percorrido pola vida, indumentaria e costumes, especialmente das mulleres, da Galicia a comezos do século XX. Tamén se publica un catálogo, que recolle máis de 300 fotografías da autora.