Venezuela volve a xerar atención internacional. Os comicios presidenciais do pasado 28 de xullo (28X) implicaron un novo episodio da interminable crise política venezolana. O Consello Nacional Electoral (CNE) declarou gañador ao presidente Nicolás Maduro. Inmediatamente, a oposición, liderada no taboleiro electoral por Edmundo González Urrutia pero politicamente por María Corina Machado, denunciou un masivo fraude electoral, instando á autoridade electoral a mostrar as actas definitivas do escrutinio, ata agora infrutuosamente.
De seguido, o país caribeño e sudamericano ven vivindo protestas nas rúas que deixaron decenas de mortes ante a represión das autoridades policiais. Este 17 de agosto, a oposición convocou a masivas protestas contra Maduro en mais de 300 cidades a nivel mundial. Toda vez, a comunidade internacional vense mobilizando para tentar alcanzar un acordo entre as partes que implique unha solución postelectoral. Brasil, Colombia e México impulsan unha mediación toda vez piden a Maduro a entrega das actas para garantir a transparencia electoral.
Varios países a nivel hemisférico pero tamén en Europa (España entre eles) esixen igualmente a presentación destas actas; algúns deles recoñecendo a vitoria opositora, outros evitando pronunciarse expresamente. O recoñecemento para Maduro ven dos seus tradicionais aliados, especialmente Rusia, China, Cuba, Corea do Norte, Nicaragua e Irán.
“Existen algúns indicios que poden apreciar a posibilidade de que, desta vez, os factores de poder que inflúen na crise venezolana estean dispostos a aceptar unha transición pactada”
Existen algúns indicios que poden apreciar a posibilidade de que, desta vez, os factores de poder que inflúen na crise venezolana estean dispostos a aceptar unha transición pactada. O máis importante destes indicios pode identificarse no feito de que gobernos de esquerdas que tradicionalmente teñen establecido unha maior predisposición a manter relacións con Maduro (Lula en Brasil e Gustavo Petro en Colombia) sexan precisamente agora os que estean impulsando unha mediación toda vez descoñecen os resultados ata non se presenten as actas.
Estes gobernos premen a Maduro á entregar das mesmas como condición practicamente inalterable para atopar unha saída. No caso de Lula, incluso chegou a reprender ao mandatario venezolano (“debe aprender tamén a perder”) tralas controvertidas declaracións previas de Maduro de que en Venezuela se daría “un bano de sangue e unha guerra civil” en caso de derrota electoral o 28X. Críticas similares realizounas tamén o presidente chileno Gabril Boric.
Non obstante, Lula, probablemente o interlocutor máis eficaz á hora de garantir a posibilidade de éxito da mediación, tamén recea das pretensións da oposición venezolana e das probas de actas electorais que aparentemente teñen nas súas mans, toda vez debe manexar difíciles equilibrios para a obtención de consensos.
Cabe destacar que estes países (Brasil, Colombia, México e Chile) son os que teñen recibido a maior afluencia de emigrantes e refuxiados venezolanos nos últimos anos. A posibilidade de rexistrarse unha nova vaga de refuxiados en caso de que Maduro e os seus aliados se atrincheren obstinadamente no poder suporía ampliar unha crise hemisférica que ven causando preocupación precisamente desde que Maduro chegou ao poder en 2013. Por tanto, a mediación implica tamén unha medida preventiva orientada a evitar esta eventual saída de venezolanos que fuxen da crise económica e da represión.
Dependendo da óptica política e ideolóxica hai quen quere ver en Caracas unha reprodución do levantamento popular estilo Maidán similar aos acontecidos en Ucraína nos invernos de 2003-04 e 2013-14. Eses contextos determinaron a caída de líderes políticos que, como no caso de Maduro, estaban dentro das esferas de influencia rusa. Outros fixan a mirada nunha reprodución da surrealista presidencia interina de Juan Guaidó (2019-2021), con importantes apoios internacionais (EEUU, Europa) pero evidente esterilidad de poder interna. En ámbolos dous casos o foco está establecido en torno aos intereses de Washington en Venezuela e cal será a súa capacidade efectiva para propiciar unha transición, en caso de ser posible.
Precisamente os recentes acontecementos dentro do contexto da guerra ucraína poden complicar eses intereses rusos en Venezuela. A recente ofensiva militar ucraína en territorio ruso, neste caso en torno á localidade de Kursk, e os combates no frente militar en Donbás determinan para Moscova imperativos estratéxicos de maior urxencia (un posible enfrontamento directo coa OTAN) que poden eventualmente limitar a tradicional asistencia do Kremlin a Maduro, sen que isto signifique degradar o seu apoio nos foros internacionais.
Mesma expectativa pode observarse con respecto a China, que volve a ter unha implicación económica dentro de Venezuela tras algúns de certo distanciamento. Deste xeito, manter obstinadamente a Maduro no poder ante unha masiva protesta e presión internacional sen atender outras iniciativas que impliquen abordar consensos pode terminar resultando demasiado custoso e contraproducente para os intereses de Moscova e Beijing.
Mirando en perspectiva xeopolítica global, a renovación da implicación estadounidense en torno á crise venezolana (con miras tamén aos comicios presidenciais de novembro próximo en EEUU, particularmente en torno ao voto hispano) e os avatares do conflito ucraíno, no que antes da recente ofensiva das tropas ucraínas en territorio ruso se estaban estableciendo algunhas iniciativas de negociación impulsadas por Hungría e China, son aspectos que poden exercer algún tipo de influencia, máis indirecta, no relativo á mediación hemisférica en Venezuela e as intencións de Washington (con apoio de aliados como Ucraína e Israel) nas súas expectativas de neutralizar a aliados de Maduro como Rusia e Irán (neste último caso co recente asasinato en Teherán do líder de Hamás Ismail Haniye), obrigándoos a manter a atención estritamente nas súas esferas de influencia máis inmediatas, preventivamente condicionando a súa marxe de manobra no contexto venezolano.
No caso ucraíno, a administración de Joseph Biden tenta así retomar a iniciativa apoiando tacitamente a ofensiva militar en Rusia, tal como recoñeceu expresamente o xeneral ucraíno Oleksander Syrskyi, quen chegou a declarar que “consulta directamente” con Washington en torno á ofensiva militar en territorio ruso. Esta operación claramente deseñada dende Washington co apoio da OTAN buscaría neutralizar ao Kremlin ante as súas expectativas de seguir mantendo a Maduro dentro da súa esfera de influencia, neste caso a nivel hemisférico.
En todo caso, nunha atmósfera tan incerta como a venezolana, calquera nivel de análise non deixa de entrar no terreo da especulación. Outros actores de poder tamén entran en xogo. Destacan aquí o establishment militar e as novas oligarquías económicas establecidas en Venezuela durante o “chavismo-madurismo” e que exercen un importante nivel de influencia nas decisións tanto de Maduro como da oposición. Non obstante, a xustiza internacional (Corte Penal Internacional; sancións de EEUU e da UE) tamén ocupa o seu protagonismo polas súas investigacións contra altos cargos do goberno de Maduro e das Forzas Armadas por presuntos delictos de crimes de lesa humanidade cometidos durante as protestas de 2017.
“Desenredar este difícil crebacabezas supón unha clave de poder a ter en conta neste terreo sinuoso e impredicible da mediación e negociación”
Desenredar este difícil crebacabezas supón unha clave de poder a ter en conta neste terreo sinuoso e impredicible da mediación e negociación e ante as posibilidades, aínda embrionarias, dunha transición pactada ou dunha “fuxida cara adiante” por parte de Maduro para atrincherarse a toda costa no poder.