Arbo | O municipio de Arbo é o prototipo de zona que conta cun microclima propio. A influencia atlántica da que gozan estas terras, con temperaturas suaves e precipitacións abundantes, permítelle, con todo, dispoñer das horas de sol necesarias para que as uvas alcancen o seu punto exacto de madurez e chegado o momento, poida dar un viño de excepcional de calidade lexitimado por unha historia secular.
Encadrados dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas, os viños de Arbo presentan exhaustivos controis de calidade que comezan xa nas propias parcelas, coa inspección das mesmas e o estudo das características dos viñedos. Estes rigorosos controis, continuarán posteriormente durante a vendima, comprobando a uva que entra en cada unha das adegas.
Os viños de Arbo pola súa calidade forman parte da Denominación de Orixe Rías Baixas. Nas súas distintas variedades, son o acompañamento ideal para toda clase de pratos. Por iso supoñen un magnifico complemento á coidada gastronomía da zona.
Un total de dez adegas conforman a industria do viño en Arbo, sendo a actividade vitivinícola base da economía para os arbenses, que de forma tradicional seguen mantendo os seus viñedos e os seus viños.
As adegas de Arbo souberon estar, en todo momento, á altura das circunstancias e souberon adecuarse ás novas técnicas de produción, pero sobre todo souberon atopar o máis difícil, o punto xusto de compatibilidade entre o cultivo e recollida artesanal da uva e a aplicación posterior de tecnoloxías de vangarda para a súa produción, mantendo unha calidade excepcional en todos os seus caldos.
Os viños de Arbo, do mesmo xeito que sucede co propio municipio, ofrecen magníficos contrastes. Variedades como o caíño, brancello, espadeiro e pedral, dan como froito un apetecible tinto. Albariño, Torrontés, Treixadura ou Loureiro, brindan viños brancos de exquisito padal e delicada fragrancia, monovarietales de albariño e polivarietales de albariño, treixadura e loureira, que, do mesmo xeito que sucede cos demais brancos de Denominación de Orixe Rias Baixas, son secos, intensamente afrutados e cun retrogusto moi fino e prolongado.
A ribeira do Miño e os viñedos configuran a paisaxe e descobren unha antiga historia; Pesqueiras e Viñas conviven desde hai séculos nunha perfecta harmonía natural, necesaria e complementaria. Entre o tempo que transcorría entre armar e levantar a rede na captura do peixe, os arbenses, aprendían a plantar, inxertar, podar… as vides.
É o nacemento dunha vida particular e a súa evolución posterior: a ribeira do Miño como paisaxe cultural nun proceso evolutivo de interacción ser humano-ambiente.
O alcalde do Concello de Arbo, Horacio Gil, afirma orgulloso que entre o noso prezado peixe “A lamprea” e os nosos viños de Rias Baixas, que cada vez son máis demandados polo público en xeral, xa que se están facendo grandes e deliciosas etiquetas, podemos dicir que temos unha gran sorte coa gastronomía e os produtos da nosa zona, polo que lles convido a vir e gozar tamén da nosa coidada oferta de turismo rural para coñecernos a fondo. Unha forma de facer turismo que fará que quen veña a vernos séntase como na casa, porque Arbo é como unha gran familia, onde a todo o que chega, sexa a unha mesa dun restaurante ou a un dos nosos aloxamentos, trátaselle como un máis, con proximidade, agarimo e hospitalidade.