Santiago de Compostela | Baixo o título “Merece a pena”, a xornalista Marta Otero redactou o Manifesto do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia con motivo do Día Internacional da Liberdade de Prensa celebrado este 3 de maio.
“O primeiro que aprendemos ao poñer un pé na facultade é que o xornalista non é nunca a noticia. A nosa función última de portadores, mensaxeiros e intérpretes, todo á vez, ten un dano colateral: decote impide nos poñamos diante do espello e avaliemos colectivamente o noso facer profesional, as carencias, as fortalezas e ata os vicios que, inevitablemente, o hábito acaba por enquistar na acción diaria. O día da Liberdade de Prensa sempre é un bo momento para romper esta regra e aproveitar para sermos autoconscientes, tomar o pulso da profesión e preguntármonos onde estamos.
Este oficio foi albo de ameaza dende a súa invención. Hai ameazas evidentes e manifestas, en forma de violencia, presións ou mordazas, externas en todo caso. Hai outras, porén, tanto ou máis perigosas, que veñen de dentro; daqueles que se infiltran e envelenan o propósito e os principios de honestidade, obxectividade e servizo público que rexen o oficio. Ataques de propia bandeira contra os que temos que amosar intransixencia, pois se os recibimos con indolencia, o golpe levarémolo todos.
“Este oficio foi albo de ameaza dende a súa invención”
Ninguén que exerza esta profesión é alleo ao feito de que require renuncias. Quen se adica ao xornalismo de proximidade, as máis das veces renuncia ao tempo, á familia e aos horarios. A precarización do modelo lévanos a todas a renunciar á tranquilidade e a unha existencia confortable. Os novos hábitos de consumo, instalados na fugacidade, fannos ás veces deixar polo camiño ata a vocación, motor primeiro e último de todos e todas nós. Todo é nada, a fin de contas, a carón das renuncias de quen vai un paso máis alá, e arrisca a súa integridade, a súa saúde, e a súa vida, guiado polo convencemento de que a información é un ben tan valioso que ben paga o sacrificio.
A humanidade experimenta hoxe unha convulsión que cría esquecida. A era contemporánea traza no mapa novos infernos. Onte na Ucraína, hoxe, e con especial crueldade, en Gaza. O ano 2023 pechou como o máis letal da última década para os informadores profesionais ao longo do mundo. Como sociedade, mais tamén como compañeiros, cómpre non pechar os ollos ás cifras: 140 xornalistas asasinados nun total de 28 países. Case un ao día no último trimestre do ano pasado. 81 deles en Gaza, sen contar os catro primeiros meses de 2024. Demasiados, a todos os efectos.
As consecuencias máis elocuentes desas renuncias témolas hoxe aquí. Son as que impiden a Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi recoller este premio co que modestamente se lles honra, a miles de quilómetros da prisión iraniana na que permanecen alleas mesmo a este recoñecemento. Renuncias como a do propio José Couso, que nos reúne a todas aquí cada ano, inmortal xa para sempre na memoria colectiva 21 anos despois do seu asasinato. Haberá quen se pregunte, lexitimamente, se merece a pena tan alto prezo. A resposta non pode ser outra; a alternativa é o silencio. Chamámoslle a isto o oficio porque é unha das poucas profesións que non se estuda, senón que se aprende exercendo. E algo que aprendemos case todas é que si, merece a pena.
E merece a pena porque, dende a humildade, o noso labor é hoxe máis que necesario, urxente. Ante a desinformación, xornalismo. Ante a utilización tramposa da información, xornalismo. Ante as mentiras e as medias verdades, unha e outra vez, xornalismo.
“E merece a pena porque, dende a humildade, o noso labor é hoxe máis que necesario, urxente”
Non hai xornalismo sen xornalistas. Se cada un de nós facemos da nosa acción profesional e da nosa propia persoa como informadores, unha garantía de rigor, esforzándonos por non sucumbir á comodidade do propio nesgo, ás trampas do ego ou ás facilidades dos triunfos curtopracistas, daquela haberá xornalismo, e haberá xornalistas.
Dende o xornalista local que dá voz ás alegacións dunha comunidade veciñal ante os estragos no territorio dun macroproxecto, ao correspondente que envía as súas crónicas baixo as proxectís en Gaza. Do que arrisca o nome ao que arrisca a vida. Ningún continxente, todos necesarios. Sen xornalismo e xornalistas independentes, apoiados, autoconscientes e críticos, o silencio vencerá neses infernos que hoxe volven agromar na terra.
Merece a pena. Por cada veterano ao que as presións institucionais, a banalización das informacións, a falta de mans e os novos códigos do clickbait, da información feita espectáculo e dos sistemas de publicidade institucional lle fan capitular, hai trinta rapaces e rapazas co idealismo das primeiras veces, que saen da facultade con folgos e enerxías para mover, aínda que sexa un milímetro, ese marco que semella anquilosado en vellas inercias que a profesión adopta por supervivencia. Contra a comprensible perda de esperanzas, sexamos optimistas: o futuro empeza en cada nova promoción. Como non vai merecer a pena”.