Monforte de Lemos | O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de ser coñecedor de dúas sentencias nas que os antigos traballadores da empresa Rutas Sacras Nomar UTE, anterior concesionaria do contrato de servizos turísticos do Concello de Monforte, perderon o xuízo por despido contra a actual concesionaria do servizo, a UTE “María Isabel Álvarez Sangil, Ruth Díaz Amor, Vicente Parra Vizcaíno e Albergue Santiago 15, S.L, Unión Temporal de Empresas Ley 18/82, Nº 1”.
Na sentenza 171/2022 do Xulgado do Social nº 1 de Lugo e na sentenza 178/2022 do Xulgado do Social nº 4 de Lugo, ambas do 31 de marzo de 2022, condénase á Rutas Sacras Nomar UTE a que opte ou ben en readmitir ós seus traballadores, ou ben a indemnizalos pola extinción da súa relación laboral, que foi improcedente. Neste senso, o total por despido improcedente dos 4 traballadores ascende a 18.569,40 euros.
Ademais, as sentenzas afirman que o convenio colectivo estatal de axencias de viaxes que tantas veces denunciou o xerente de Rutas Sacras, José Ramón Martínez Mareque, que o Concello aplicaba mal, estaba ben aplicado polo Concello de acordo coa lei, tal e como se recollía dende o primeiro momento en que este servizo saíra a concurso.
Neste senso, o alcalde sinalou que ”con estas dúas sentencias das que somos coñecedores, dende o Concello tiñamos razón cando diciamos que esta empresa non estaba a aplicar o convenio colectivo que lle esixía o prego de condicións do servizo, é dicir, o Convenio colectivo estatal de axencias de viaxe, polo que agora terán que pagar ós/ás traballadores que os demandaron as diferencias salariais resultantes de non aplicar dito convenio”.
O convenio que de forma unilateral foi aplicado por Rutas Sacras ós seus traballadores, algo que fixeron sen coñecemento por parte do Concello, o “Convenio de Ocio educativo e animación sociocultural”, as sentencias establecen que foi mal aplicado, pois nada ten que ver cos servizos que se levan a cabo na Oficina de Turismo, na Torre da Homenaxe, no Centro do Viño da Ribeira Sacra, e na Oficina de Atención ó Peregrino, porque as actividades que desenvolvían estes traballadores non se caracterizaban polo seu carácter educativo ou formativo, senón que a finalidade era, e segue sendo, divulgar información de carácter turístico respecto do Concello de Monforte.
Polo tanto, estas sentencias eximen tanto ó Concello como á actual empresa concesionaria dos servizos turísticos de subrogar ós empregados da anterior concesionaria, porque ademais, a actual UTE concesionaria presentou a súa proposta correctamente e de acordo co convenio contido no prego de condicións do servizo, o de axencias de viaxe, debido a que este convenio non prevé a subrogación do persoal, en caso de cambio de empresa.
“O final, o Concello de Monforte, volve a ter razón con respecto ó que expliquei o pasado mes de xullo de 2021, en relación as graves declaracións que efectuou o xerente de Rutas Sacras, o señor Mareque, as cales veñen de ser desmontadas a través destas sentencias, que lle dan á razón ó Concello e que demostran que actuou correctamente neste proceso” subliña o alcalde, e engade ademais, que mentres sexa alcalde, non vai ceder a ningunha presión nin chantaxe de ningunha empresa, como quedou claro neste caso, ou máis recentemente nos casos dos parques públicos de Val de Lemos, Parque do Barrio do Hospital, coa grúa da rúa Ferrol, ou a Zona C, quedando claro que, por enriba de todo, o alcalde defende o interese público de todos os monfortinos e monfortinas.
Ubicada na antiga Casa Consistorial de Monforte, a Oficina de Turismo é o lugar de referencia para quenes queiran coñecer máis da riqueza patrimonial, cultural e paisaxística da cidade de Monforte, do municipio e da Ribeira Sacra. Está situada na rúa do Comercio, 6 e os horarios son: Inverno (Outubro-Xuño): de martes a domingo: 10.00h-14.00h e 16.30h-20.00h. Verán (Xullo-Setembro): de martes a domingo: 10.00h-14.00h e 17.00h-21.00h. Os Luns non se fan visitas ao museo.