Ourense | A produtora galega OlloVivo continúa coa rodaxe da súa nova longametraxe de ficción: ‘O corpo aberto’, unha película dirixida pola cineasta Ángeles Huerta. A filmación contou hoxe coa visita de Jacobo Sutil, director da Agadic; Sandra Quintas, alcaldesa do Concello de Bande; e Israel León, tenente alcalde do Concello de Muíños; que foron testemuñas dunha serie de secuencias de exterior localizadas na Reitoral do Barxés e que contaron coa participación de Tamar Novas, Victoria Guerra, Miquel Insua, Federico Pérez, María Vázquez, Izan González e Nicolás Otero. `
En palabras de Ángeles Huerta “O corpo aberto é un filme de fronteira porque acontece na fronteira, pero tamén porque xira arredor do concepto de linde: as lindes que hai entre Galicia e Portugal, as lindes que limitan as nosas identidades, o feminino e o masculino ou incluso as lindes que separan o mundo dos mortos e dos vivos”.
A cineasta amósase tamén ilusionada por poder adaptar unha novela de Méndez Ferrín que “é un dos autores máis importantes da historia da literatura galega e se amosou sempre encantado co proxecto”.
Esta longametraxe narra a historia dun mestre temporeiro (Tamar Novas) que, a principios do século XX, aterra en Lobosandaus, unha localidade da montaña da raia seca, na fronteira entre Galicia e Portugal, para impartir aulas nunha escola unitaria. Desde a súa chegada, o mestre percibirá como o misterio e a morte conviven con naturalidade na vida cotiá da poboación deste estrano e abrupto lugar.
O profesor enfrontarase, desde o racionalismo e a ciencia, a unha crenza acreditada pola veciñanza: o espírito dos mortos pode manifestarse e permanecer entre eles ao habitar outros corpos. O corpo aberto é tamén unha película na que a produtora OlloVivo reforza a súa aposta polo cinema galego de autor e pola convicción de trasladar e converter unha fantasía ou relato local nunha historia universal.
O seu produtor executivo, Gaspar Broullón, afirma que non podía haber mellor territorio para a rodaxe, que está previsto que remate a inicios deste mes de decembro. “Só podíamos facer esta película no Xurés-Gerês e, aínda que non é loxísticamente sinxelo, a zona aporta lugares magníficos e o entorno ten ao 100% esencia que queremos transmitir nesta película”, conclúe.
Ao fío, Jacobo Sutil quixo celebrar que “o que comezou como unha proposta, agora xa é unha realidade onte hai máis de cen persoas traballando nunha coprodución internacional impulsada polo talento galego”. O director da Agadic aproveitou a ocasión tamén para lembrar que producións deste tipo, ademais de ter un impacto positivo directo na zona na que se desenvoleven, tamén contribúen a visibilizar paraxes tan espectaculares coma no que se está a rodar ‘O corpo aberto.
Equipo técnico e artístico: unha coprodución hispano-portuguesa Tamar Novas (El desorden que dejas) dá vida a Miguel, o mestre, nun reparto que conta con figuras destacadas da escena e do audiovisual galego, como María Vázquez (Quien a hierro mata), Federico Pérez (Cuñados), Elena Seijo (Elisa y Marcela) ou Miquel Ínsua (O sabor das margaridas); e con intérpretes do país veciño como a actriz portuguesa Victoria Guerra (Auga seca).
Pola súa banda, o equipo técnico de O corpo aberto`’ está conformado por Gaspar Broullón, Adrià Monés e Ana Costa na produción executiva; Tamara Soto na dirección de produción, Daniel Domínguez no guión, Gina Ferrer na dirección de fotografía e Antonio Pereira na dirección de arte. Completan o equipo, entre outros, Sandra Sánchez na montaxe, Jordi Rossinyol na xefatura de son, Diego S. Staub na posprodución de son, Raquel Fidalgo na xefatura de maquillaxe, Mercedes Peón na banda sonora e Manuel González na asesoría lingüística dunha pelicula rodada, na súa maior parte, en galego e portugués.
‘O corpo aberto’ é unha película de OlloVivo en coprodución hispano-lusa con Fasten Films (Cataluña) e Cinemate (Portugal). Ademais, conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e do Goberno de España a través do Instituto da Cinematografía e Artes Visuais (ICAA). A película, participada por Radiotelevisión Española e Televisión de Galicia, chegará aos cinemas no outono de 2022 da man da súa distribuidora, Filmax.