Ourense | Antonio Seijas Cruz (Ares, 1976) é o gañador do XXXVII Premio de Poesía Cidade de Ourense pola obra Teoría do fin – Eurínome, “un texto dunha alta solidez formal en que cada un dos capítulos tecen unha rede entre as leis físicas que inflúen no devir do universo e que as inciden na alma humana”, en palabras do xurado desta edición.
Formado pola gañadora da edición do ano 2020, Lorena Conde, o crítico literario César Lorenzo e o secretario da Fundación Vicente Risco, Xosé González, o xurado escolleu a obra de Seijas de entre as 56 presentadas -25 máis que na pasada edición- porque “pousa o pé na física para alcanzar unha fenda pola que entrar con axilidade no metafísico”.
O premio Cidade de Ourense é de 6.000 euros máis a publicación da obra.
Antonio Seijas
Ares, 1976. Historiador da Arte, ilustrador, pintor e autor de banda deseñada. Publicou catro novelas gráficas: Un hombre feliz, gañadora do Certame Castelao (2006) e premio do público ao Mellor guión no saló del Còmic de Barcelona (2008), que tamén foi adaptado a formato radio-teatro pola Radio Nacional Eslovena.
Outras das súas obras son Cartas de inverno, premio Isaac Díaz Pardo ao mellor Libro Ilustrado da Asociación Galega de Editores (2012); La luz, nominada Mellor Obra Nacional en Expocómic (2014).
Deseña revistas, xornais, libros e tamén libretos de discos, como os do grupo Marillion. O soño da serpe é a súa primeira novela Editorial Galaxia).