Salvaterra de Miño | En outubro deu inicio en Salvaterra de Miño o Obradoiro dual de Emprego para o ano 2022/2023, cunha financiación de máis de 500.000€
Salvaterra Emprega II é unha clara aposta do grupo de goberno pola formación, que se enmarca dentro das políticas activas de emprego que está realizando o Concello, e que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas mediante a realización dun traballo efectivo, que xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co dito traballo, procura a súa cualificación profesional e favorece a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.
SALVATERRA EMPREGA II terá unha duración prevista de 12 meses, onde se pretende formar a 20 persoas desempregadas nas especialidades formativas no ámbito Forestal e de Xardinería. Con este obradoiro o alumnado traballador adquirirá os coñecementos necesarios mediante a realización de tarefas que responderán á prestación do servizo en si.
Obras de mellora no camiño municipal O Cordeiro-Ferreiros
O Concello de Salvaterra de Miño ven de iniciar as obras de asfaltado de máis dun quilómetro do camiño municipal que une O Cordeiro con Ferreiros.
Con esta acción mellorarase o servizo ofrecido por esta infraestrutura aos seus usuarios, xa que se trata dun vial cunha relativamente elevada densidade de tráfico en relación as súas características, conta cun orzamento de execución de máis de 71.000€.
Esta obra está financiada con cargo á subvención concedida pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Consellería de Medio Rural ao abeiro do Plan de mellora de camiños municipais 2022-2023 e achega municipal con cargo ao orzamento do Concello.