Ourense | O director da área de Cultura da Deputación, Marcos Vázquez, visitou o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense, que culminou o obradoiro de extracción de seda procedente dos vermes criados no centro para o seu posterior tratamento e utilización no obradoiro de teares.
O alumnado do CCP Xaquín Lorenzo aprendeu a realizar todos os pasos que conforman este proceso artesanal, dende a cría, coidado e alimentación dos vermes seguindo o seu ciclo vital (ovos, larvas, crisálidas no casulo) até chegar finalmente á cocción dos casulos antes de se converteren en bolboretas e a extracción dos fíos de seda. Esta actividade complementouse tamén cunha exposición sobre a seda na Ribeira Sacra e contacontos para os máis cativos.