A Guarda | As persoas maiores de 65 anos son un dos colectivos sociais que máis tempo de lecer teñen. A forma de vivilo é un aspecto moi importante para a súa saúde e unha oportunidade para poder facelo dun xeito que aporte autorrealización, vida activa, conexión con outras persoas, etc.
“Decora o teu pobo” é un proxecto pensado para que as persoas participantes dediquen un tempo semanal activo a xuntarse entre elas, compartindo experiencias, tecendo redes e creando distintas pezas creativas que serán colocadas en rúas e prazas do Concello, aumentado así o seu sentido de pertenza á comunidade na que viven.
De xeito paralelo, a través desta iniciativa conseguimos tamén mellorar a imaxe do pobo e darlle unha segunda vida a materiais de refugallo ou que están en desuso.
As persoas interesadas en participar nestes obradoiros poderán facelo chamando ao Club de Maiores a través do teléfono 685 594 765.
“Quérome, cóidome”
O Concello da Guarda, a través do Centro de Información á Muller, vén de lanzar a segunda edición dos obradoiros de autocoidado para mulleres “quérome, cóidome”
Os obradoiros desta segunda edición están pensados para aprender a querernos e coidarnos, sentirnos mellor, traballar e aumentar a nosa autoestima e compartir experiencias.
Os obradoiros, destinados a mulleres maiores de 55 anos, realizaranse todos os martes entre o 7 de febreiro e o 18 de abril en dúas parroquias da nosa vila, na Gándara en horario de 16:00h -17:30h e en Camposancos en horario de 18:00h-19:30h
Máis información e inscricións no CIM da Guarda, no 986 61 46 48 ou en muller@aguarda.es