Mos | Os/as alumnos/as traballadores/as da especialidade de carpintería do Obradoiro Municipal de Emprego do Concello de Mos ‘Queda en Mos’ (subvencionado pola consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia), que xa colaborou coas feiras da educación (FormaMos) e da hostalería (BaRes Mos) construíndo os stands para sendos eventos (entre outras moitas iniciativas), traballa agora na elaboración de dotacións para os cinco colexios públicos do municipio, os CEIPs de Atín-Cela, Mestre Martinez Alonso de Castro-Mos, Mestre Valverde Mayo de Sanguiñeda, Pena de Francia e Petelos.
Así o informou hoxe a concelleira de Educación e Emprego, Julia Loureiro, quen anunciou tamén que a vindeira semana comezarán os labores de instalación de elementos e reparación e mantemento de carpintería dos centros educativos. Labores que se prolongarán durante os meses de xullo e agosto, co obxectivo da posta a punto das instalacións educativas de cara ao inicio do curso escolar en setembro.
Entre outras actuacións en todos os 5 centros, no Colexio de Pena de Francia actuarase no esceario, construíndo de novo tanto a estrutura como o mesado, cunhas dimensións de 3,30×7,80 m, e altura 60 cm. Tamén instalarase o novo chan para o que xa se dispón o material a colocar.
No Colexio de Castro-Mos construirase e instalarase unha nova cabana de madeira no exterior e realizaranse reparacións na cabana xa existente. Así como vernizar o valo exterior tanto da nova caseta como da caseta preexistente. Porase tarima na entrada (50 m²) suplementándoa en 1 cm.
No Colexio de Atín-Cela porase tamén tarima (50m²) e rodapé. Instalarase unha rampa para salvar 3 chanzos. Darase aceite de linaza ao areneiro. Lixaranse e vernizaranse 6 mesas da biblioteca, e pintánselles as patas de branco. Tamén pintarán as patas metálicas dos taburetes da biblioteca.
No Colexio de Petelos desmontarase o escenario, instalarase chan de tarima (115m²) e rodapé; e unha estantería de 240x120x30 cm.