Ourense | O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse ao concello de Baltar para, acompañado do seu alcalde, José Antonio Feijóo; ó alcalde dos Blancos, José Manuel Castro, e a Aquilino Valencia, alcalde de Calvos de Randín, supervisar as actividades no obradoiro de emprego Couto Mixto III, no que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración inviste preto de 412.000 euros na formación 20 alumnos. Dez son traballadores nos módulos de Operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas) e outros dez de Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros xardinaría.
O delegado recalcou que unha das prioridades do Goberno galego é impulsar a formación co gallo de que as persoas desempregadas e traballadoras conten cada vez con maiores e mellores capacidades para acadar un emprego estable e de calidade que conduza ao seu benestar; “unha prioridade que se mantén intacta e que queda reflexada nos novos Orzamentos 25”, sentenciou.
Manuel Pardo sinalou os obradoiros duais de emprego teñen unha tripla dimensión: mellorar a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórica e práctica de calidade da man dos expertos que a imparten; desenvolver actuacións de mellora en espazos públicos, así como a prestación de servizos de interese xeral e social; ademais de colaborar coas entidades locais galegas para incrementar o emprego nos concellos.
O representante do Goberno galego salientou a importancia destas medidas, que a maiores de formar a persoas con especiais dificultades de inserción laboral que desenvolven un traballo de interese público remunerado, estes homes e mulleres poden obter un certificado de profesionalidade e, unha vez completen a formación -resaltou o representante do Goberno galego- adquiren ferramentas para reforzar habilidades e competencias que respondan ás demandas do mercado laboral e permitan obter un emprego de calidade.
O obradoiro de emprego ‘Couto Mixto III’
No concello de Baltar están a levar a cabo a rehabilitación dos fornos de Baltar, de Aldea e do Barrio en Boullosa; a restauración do lavadoiro de Meaus, dos fornos de Montecelo, do Bouzo, de Sabucedo e de Tixós; limpeza, debruce, e plantación de árbores e arbustos no centro médico de Baltar.
No concello dos Blancos desenvolven o arranxo das áreas recreativas de Anguís, de Nocedo e de Covelas; e o acondicionamento da escola en Fontarcada e do edificio multiusos Os Blancos.
No concello de Calvos de Randín restauran os muros en Castelaus, Feas e Serois; debruce, plantación de céspede no parque infantil e no exterior do velorio de Randín; e traballos de xardinaría no parque da Peneda, na casa Cortés, e no Concello.