O Covelo | O Concello de Covelo contratou os traballos de mellora do serradoiro dos Carranos por un importe de 30.000€ financiados ao 100% co apoio da Axencia Turismo de Galicia da Xunta de Galicia. Nos vindeiros días comezarán as obras de acondicionamento exterior centradas nunha profunda limpeza en seco e desinfección das fachadas, tratamento das mesmas con dúas mans de produtos específicos, recolocación e reposición dunha das partes da cuberta e substitución e colocación dunha baranda de apoio para a subida á levada.
O alcalde, Pablo Castillo, manifesta que se trata dunha intervención importante para a conservación dun dos espazos de máis atractivo do concello que contribúe na dinamización da economía ao atraer visitantes, non só dentro das rutas guiadas programadas polo Concello, tamén persoas que veñen de xeito individual a contemplar este legado da arquitectura industrial de principos do século XX.
Rehabilitado no ano 2005 polo Concello, na actualidade, ten as fachadas de madeira en moi mal estado de conservación. As edificacións, con táboas de madeira de castaño autóctono, precisan con urxencia dunha limpeza, desinfección e tratamento funxicida. Tamen será necesario retellar nos edificios principais do secadoiro, onde se ubica a actual aula da natureza, e serradoiro, adicado hoxe en día a museo etnográfico, debido a que os listóns de madeira cederon e entra auga da choiva polas tellas planas.
O Serradoiro dos Carranos foi erguido pola familia Vales no ano 1922, sobre os peares dun vello muíño, e a súa principal tarefa foi a fabricación de carros, aínda que o seu obxectivo final era a transformación da madeira. Atópase á beira do río Vixiáns, afluente do río Tea, incluído na “Rede Natura 2000” da Unión Europea.
Este serradoiro ten un interese etnográfico moi importante pois a enerxía que se precisaba para o motor das instalacións industriais é movida pola forza da auga. A estrutura e composición da serra hidráulica é moi probable que fose similar á dos modelos aplicados na Europa do Medievo.
O proceso de conversión da enerxía hidráulica en movemento de pezas mecánicas era o mesmo que no dos muíños, pero, neste caso, os rodos e as poleas permiten accionar a serra metálica en vez das pedras molares. Aserrábanse así as diferentes madeiras destinadas unhas a construción, e outras a construción de carros.
Augas arriba construíuse unha presa para embalse da auga e así poder regular o caudal. Dende a poza ata o serradoiro, a auga conducíase por unha levada pasando por unha “noria de canxilóns”, e así facía xirar o rodezo ou rodo que, mediante un sistema de poleas, transmitía a enerxía á serra.
O Conxunto do Serradorio estaba formado orixinalmente por tres edificacións perfectamente diferenciadas, se ben na actualidade son catro: serradoiro, secadoiro ou almacén de madeira, fragua ou forxa e aseos (executados na restauración de 2005). Tamén se aprecia un forno de pedra para alimentar a fragua. Imprescindible para forxar os aros das rodas dos carros e outras pezas que se precisaban para a montaxe dos mesmos.