O Porriño | O Consorcio de Augas do Louro iniciou esta semana a execución das obras de conexión da depuradora de Herville á rede de saneamento existente, o que permitirá garantir o cumprimento das esixencias medioambientais necesarias para manter o río Miñoteira en bo estado.
A actuación contempla tamén as obras para manter a depuradora fora da zona de servidume dese cauce e a execución dunha rede de saneamento no lugar de Abelenda, no Concello do Porriño.
Para isto tense proxectado un colector de 315 mm de diámetro e cunha lonxitude de preto de 1.800 metros, percorrendo o trazados os concellos de Mos e O Porriño.
As actuacións darán servizo a preto de 600 persoas.
A EDAR de Herville está situada no marxe dereito dun regato, afluente do río da Miñoteira. Foi construída no ano 2011 para tratar os verquidos correspondentes a 450 habitantes equivalentes e un caudal de entrada de 135 m3/día.
A esquina inferior esquerda da parcela delimitada polo peche da EDAR, atópase dentro do DPH. Neste proxecto inclúese a execución das obras precisas para manter a EDAR de Hervill fóra da zona de servidume do cauce do río, así como a execución dos colectores necesarios para a conexión das augas residuais que chegan a este punto, á rede de saneamento existente.
Proxéctase un colector de PVC de 315 mm de diámetro cunha lonxitude total de 1.778 m.
Garantirase a total estanqueidade dos pozos de rexistro e disporán de tapas estancas, para evitar a entrada de augas pluviais nos mesmos. No proxecto preséntase un prazo de execución de 6 meses e un presuposto de execución por contrata de 289.754,31 €.