Tui | Esta mañá comezaron as obras de construción da ponte sobre o río Cotarel que une as parroquias de Randufe e Pazos de Reis. Estes tramo da estrada vírase afectada polas intensas choivas de xaneiro de 2023, obrigando a cortar o tráfico rodado. Dende hoxe, debido ao comezo das obras, tamén se corta o tránsito peonil.
Esta ponte, sobre o río Cotarel, está situada en plena senda dos Muíños do Tripes, polo que as persoas que camiñen pola senda, neste punto e mentres permanezan as obras, terán que realizar un desvío por un percorrido alternativo duns 700m.
O proxecto que se vai executar foi redactado pola empresa tudense de Enxeñería Técnica de Obras Públicas M3G PROYECTOS S.L. No mesmo contémplase o desmontado da tubaxe metálica existente, e a execución dun novo paso elevado cun taboleiro de vigas prefabricadas sobre estribos en ambas marxes.
Deste xeito recuperarase a circulación nesta estrada local e garantirase o caudal de desaugadoiro de avenida no regato Cotarel. A actuación proxectada permitirá tamén recuperar o trazado orixinal do leito fluvial e a súa contorna. O prazo estimado é de tres meses.
O comezo da obra demorouse debido á complexidade da tramitación do expediente, incluíndo a redacción do proxecto, viabilidade, e licitación da obra.
Os traballos foron adxudicados o pasado 16 de abril á empresa Covsa, por un importe de 192.508,12 €, financiado o 75% polo Concello de Tui e o 25%, é dicir, 42.865,13 € ao abeiro das Subvencións para a reparación dos danos causados polas inundacións sucedidas nos concellos da provincia de Pontevedra da Deputación de Pontevedra.