Santiago | Ante a reunión entre a Consellería de Sanidade e os sindicatos do 11 de Xaneiro de 2019 para negociar o establecemento dun nomeamento estatutario eventual de continuidade asistencial no ámbito do Servizo Galego de Saúde, e como parte profundamente interesada, as médicas e médicos de familia en situación eventual e residentes que rematamos a especialidade próximamente abaixo firmantes desexamos expoñer as seguintes reflexións e obxeccións:
O propósito desta modalidade contractual é a cobertura das necesidades conxunturais de falta de persoal médico, nunca superiores a dúas semanas consecutivas, en distintos centros de saúde dun mesmo distrito sanitario. Este modelo de contrato perpetúa a eventualidade camuflándoa cunha certa continuidade. Unha das nosas preocupacións é a perda da lonxitudinalidade e o prexuízo sobre a calidade asistencial que temos como traballadores eventuais. Entendemos que o contrato proposto, con estas características, non mellora a situación que xa temos e continuará prexudicando ós usuarios.
Descoñecemos as ferramentas que quere empregar a Xerencia para cubrir as ausencias de máis de quince días que non contempla este contrato. Aquelas substitucións de maior duración non se teñen en conta dentro deste modelo polo que asumimos que seguirá habendo contratos de substitución para cubrir estas necesidades. Descoñecemos en que condicións se ofertarán estes contratos, como se organizarán e se existirá algún prexuízo para os que non queiran aceptar o novo modelo.
O borrador non especifica o número de centros a cubrir por cada traballador, nin se estes quedarán agrupados por proximidade, quedando a discreción da Xerencia esta decisión. A dispersión dentro dun mesmo distrito pode ser de ducias e incluso centos de quilómetros. Reclamamos que a agrupación de Centros de Saúde se faga en base a criterios de estrita proximidade, en calquera caso inferiores á figura do distrito sanitario, e que exista una programación e antelación razoable de períodos e postos a cubrir a disposición do traballador contratado.
Opoñémonos frontalmente á obrigatoriedade de realizar gardas nos PACs asociados ó distrito sanitario -quedando unha vez máis o número e a localización do PAC onde se realizarían a criterio da xerencia- así como a obriga de estarmos localizados, sen remuneración asociada, para ser convocados ante unha incidencia. Este formato aseméllase aos contratos de vinculación da EOXI de Vigo cuxo fracaso foi manifesto, chegando a perder á maioría dos traballadores que os aceptaran nun primeiro momento. Consideramos que o traballo en Atención Primaria e nos PACs é distinto e complementario e que a súa combinación debe ser, en calquera caso, voluntaria e endexamais obrigatoria.
O cómputo horario a realizar remite ao Estatuto Marco, polo que entendemos que dada a obrigatoriedade á que nos somete este contrato podemos atoparnos tendo que realizar o máximo de 48 horas efectivas semanais en cómputo semestral, con descansos de 12 horas entre xornadas e 36 horas de descanso á semana en cómputo bimestral de forma continuada, como vén sucedendo en Vigo e demostrándose insostible para os traballadores. Esta xornada excede con moito á realizada polo resto de compañeiros, e descoñecemos en que condicións será remunerada.
O desfrute de permisos e vacacións está de novo condicionado á decisión da Xerencia. Entendendo que este modelo de contrato pretende, entre outras cousas, solucionar a falta de persoal nos periodos vacacionais máis populares (periodo estival, Nadal, pontes), tememos que esto supoña que só poidamos desfrutar das vacacións cando as necesidades dos centros estean cubertas, é dicir, fora destes períodos. A concesión destes permisos debe establecerse en igualdade de condicións co resto de profesionais da mesma categoría
Este modelo de contrato supedita o mantemento da actividade asistencial á obriga de cobertura por unha parte dos traballadores. De transformarse nunha situación estable mediante a creación de prazas estruturais suporía unha aldraxe con respecto ó resto de compañeiros, xa que desenvolvendo as mesmas funcións teríamos obrigas engadidas creando así traballadores de primeira e de segunda categoría.
En conclusión, opinamos que o actual borrador tenta, como no caso doutras loitas dentro das protestas do ámbito sanitario en Galicia, cerrar en falso un problema que de feito é estrutural, con medidas aparentes e mediáticas pero que non resolven con calado suficiente as carencias do sistema. As medidas electoralistas deste goberno para acalmar as protestas non fan máis que inflamar os ánimos duns profesionais que están fartos de aturar condicións de precariedade e perda de dereitos laborais básicos: continuidade asistencial, dereito a vacacións e días de libre disposición, protección ante posibles situacións de incapacidade laboral, permisos de maternidade e paternidade, exceso de horas extras non remuneradas, incapacidade para planificación e conciliación, exceso de horas totais… Todas estas condicións serían impensables para calquera outro colectivo. Non estamos dispostos a termar máis dun sistema que nos limita como profesionais e menoscaba a nosa valía como traballadores e seres humanos.
Un nomeamento que obriga aos traballadores a realizar calquera xornada laboral que se lles asigne de maneira indiscriminada, tanto en Centros de Saúde como nos PACs nun ámbito por definir e sen unha antelación mínima só merece un nome: escravitude.
Asina o documento aquí.