Lugo | O Concello de Mondoñedo realizou a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, na Catedral de Lugo. A comitiva saíu desde a Casa Consistorial de Lugo onde tivo lugar a recepción dos representantes institucionais das antigas capitais do Reino de Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, Mondoñedo, Betanzos e Tui.
A continuación desprazouse á Catedral da capital lucense para celebrar a cerimonia relixiosa, onde os representantes cumpren co voto solemne feito en 1669 para apoiar economicamente a catedral, iluminando o seu altar maior onde o Santísimo Sacramento está permanentemente exposto.
José Tomé, presidente da Deputación de Lugo, destacou “o valor histórico e relixioso desta ofrenda que se vén mantendo desde o ano 1925, e que representa a unión das cidades do Antigo Reino de Galicia”.
A Ofrenda ao Santísimo Sacramento celébrase en Lugo desde 1669, o domingo seguinte ao Corpus Christi, cando o Cabido Catedralicio pediu axuda ás cidades para manter a iluminación da Sagrada Forma no altar maior as 24 horas do día dos 365 días do ano.