Oia | A tempada de rapas das bestas comeza esta fin de semana en Oia co tradicional curro da Valga, que se celebra este domingo 8 de maio. A actividade comezará desde primeira hora da mañá e prolongarase ao longo da xornada, sendo o momento central da celebración (tarefas de rapa e marcado) arredor das 17.00 horas.
A partir das 9.00 horas os gandeiros comezarán a xuntar as bestas e estímase que a chegada dos cabalos ao recinto da Valga (parroquia de Loureza) se producirá arredor as 13.00 horas. Xa pola tarde, sobre as 17.00 horas, terán lugar as actividades de rapa, desparasitado e marcaxe dos animais, que posteriormente volverán quedar libres no monte.
En total, estímase que arredor duns 300 cabalos participarán este ano.
O curro da Valga transcorrerá no seu habitual ambiente festivo, de forma que as persoas que se acheguen ata o lugar poderán gozar dunha xornada que combina actividade, celebración e tradición popular arredor do cabalo da Groba.
Despois do da Valga, que abre a tempada, en Oia desenvolveranse os curros de Torroña (5 de xuño) e Mougás (12 de xuño).
Avisos sobre medio ambiente e acampadas
En relación á próxima celebración dos curros, lémbrase a prohibición de realizar acampadas.
As autoridades realizarán accións de vixilancia en días previos a fin de evitar este tipo de actividades non permitidas.
Finalmente, solicítase a colaboración das persoas asistentes á hora de respectar o medio ambiente, evitar danar o arborado e zonas especialmente sensibles, así como de manter a contorna libre de lixo. Na zona haberá contedores para depositar os refugallos.