Oia adhírese ao programa de Vivendas Baleiras e crea os rexistros para ofertantes e demandantes de vivenda

As persoas interesadas poden comezar os trámites para rexistrar unha vivenda no programa ou ben para darse de alta como demandante

OiaO Concello de Oia adheriuse ao programa de Vivendas Baleiras da Xunta de Galicia, que ten por obxectivo poder destinar a alugueiro social vivendas desocupadas, sexan de propiedade pública ou ben privada. Grazas a este programa, as persoas titulares de vivendas baleiras poden ofertar a súa vivenda con garantías e, ao mesmo tempo, se lle dá prioridade de acceso a unha vivenda ás familias con poucos recursos económicos.

Para as persoas propietarias, o programa ofrece vantaxes como un seguro multirrisco do fogar e un seguro da garantía da reclamación do cobro da renda en caso de mensualidades impagadas por parte da persoa inquilina, quedando garantizado o cobro de ata 12 mensualidades impagadas.

A Administración local vén de aprobar as bases reguladoras do programa, polo que as persoas interesadas en dar de alta unha vivenda da súa propiedade ou ben rexistrarse como demandantes xa poden comezar as correspondentes tramitacións. As anteditas bases están dispoñibles para a súa consulta no Concello de Oia.

Pola súa banda, a Xunta de Galicia publica hoxe no DOG as bases das axudas dirixidas as persoas propietarias ou usufructuarias das vivendas en trámite de incorporación no Programa de Vivendas Baleiras.

As primeiras vivendas, en Loureza
As dúas primeiras vivendas de Oia que pasarán a formar parte do programa de Vivendas Baleiras serán as antigas casas de mestres de Loureza, recentemente rehabilitadas ao abeiro dunha subvención de 74.500 euros concedida pola Xunta, dentro deste mesmo programa de Vivendas Baleiras.

Estas vivendas contan con dous dormitorios, un baño, unha estancia de salón-cociña (coa cociña equipada) e un cuarto para a lavadora.

Contacto:

Alcaldesa de Oia.
Cristina Correa Pombal 619.40.99.68