Oia | O Concello de Oia continúa coa aposta pola igualdade que, a través de actividades dirixidas a diversos públicos, vén organizando nos últimos anos. Neste 2021 programouse a representación dunha obra teatral dirixida ao alumnado de educación infantil e primaria dos dous centros educativos do municipio.
O tema central a tratar nesta edición foi a responsabilidade cara os dereitos dos demais, para poder alcanzar a igualdade e previr a violencia de xénero nas relacións. Este contido abordouse a través da obra de teatro “A formiga”, representada o pasado 14 de xuño nas instalacións do CEIP Mestre Manuel García.
Fixéronse varios pases, aos que asistiu o alumnado do antedito centro e tamén o do CEIP de Refoxos, o cal se trasladou ata o lugar en autobús.
“A formiga” é unha peza teatral da compañía La fiesta escénica que narra as aventuras vividas por unha formiga que non quere traballar, pero que rematará aprendendo moito sobre a igualdade.
Ao mesmo tempo que aprende sobre igualdade, irá descubrindo outros valores que teñen que ver coas relacións sociais e o respecto ás demais persoas. Conceptos como a amizade, a lealdade, a tolerancia, o perdón e a reconciliación son algúns dos valores que resalta esta historia.
Ao afrontar experiencias que os nenos e nenas, e tamén as persoas adultas, teñen no seu día a día, a protagonista da historia ensinará ao seu público cales son as ferramentas para xestionar axeitadamente todas esas vivencias.
A actividade tivo un custo total de 4.840 euros, dos cales un total de 3.075,64 financiáronse a través da liña “subvencións dirixidas aos concellos da provincia de Pontevedra de menos de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero para o ano 2021″ da Deputación.
A cantidade restante, 1.764,36 euros, foi asumida a través da achega de fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.