Oia | O Concello de Oia convida á veciñanza a asistir, este sábado, ao acto de inauguración da renovada Praza do Campo. A institución local convoca esta cita para compartir e celebrar coa veciñanza a transformación deste espazo situado no corazón da parroquia Burgueira.
O acto inaugural comezará ás 12.00 horas e contará coa asistencia de representantes da Corporación Municipal e da Deputación de Pontevedra, institucións que financiaron os traballos. Os grupos locais Tra-lo Mosteiro e As Caramuxas serán os encargados de amenizar a xornada festiva co seu repertorio de música tradicional e, a maiores, ofrecerase un pequeno aperitivo. En caso de choiva o acto será aprazado a unha nova data.
As obras na Praza do Campo teñen por obxectivo renovar este espazo público e dotalo dunha identidade propia. Estes traballos conseguiron transformar o lugar converténdoo nun espazo polivalente, accesible e respectuoso coa paisaxe e o patrimonio.
O custe total da actuación foi de 267.867 euros, financiados con cargo ao programa REACPON da Deputación de Pontevedra cunha achega de 241.080 euros e asumindo o Concello a parte restante, de 26.786 euros.