Oia | O Concello de Oia porá en marcha unha “Aula Mentor” nas instalacións da aula de novas tecnoloxías que se está a crear na antiga biblioteca, situada nos baixos do consistorio. A través desta iniciativa a veciñanza poderá beneficiarse dun amplo catálogo de cursos online: formación non regrada, flexible e con titorías personalizadas.
A aula créase a través dunha subvención de 4.000 euros concedida polo Ministerio de Educación e Formación Profesional (axudas da Secretaría Xeral de Formación Profesional dirixidas a entidades locais territoriais para a creación de aulas de formación aberta, flexible e a distancia mediante tecnoloxías da información e a comunicación a través de Aula Mentor 2021).
Ambas as dúas administracións teñen xa asinado o convenio para o desenvolvemento deste programa que, a través da formación online, busca mellorar as posibilidades de empregabilidade.
A aula estará operativa nas próximas semanas, de xeito que as persoas interesadas en realizar algunha formación poderán matricularse nos cursos e comezar coa formación online titorizada empregando o equipamento informático da aula ou ben desde a súa casa.
Os cursos teñen un custe de 24 euros mensuais e, coa súa superación, obtense un certificado de aproveitamento asinado polo Ministerio de Educación e Formación Profesional. Así, o sistema de “Aula Mentor” permite acumular e capitalizar aprendizaxes que son susceptibles de recoñecemento na educación regrada a través dos procedementos de avaliación e acreditación de competencias.
Para acceder a toda a información sobre o proxecto e máis ao catálogo de cursos o Concello vén de crear un espazo específico na web municipal. Está accesible na seguinte ligazón: https://www.concellodeoia.es/aula-mentor/