Oia | Oia volve a participar na Festa da Flor da localidade portuguesa de Oiã, que se celebrará o próximo 25 de xuño. Despois de varios anos sen que o encontro entre ambos pobos irmáns se puidese desenvolver por mor da covid, as dúas localidades retoman os contactos presenciais neste 2023. Co obxectivo de que os veciños e veciñas que o desexen poidan asistir á celebración, o Concello fretará un autobús.
O autobús sairá ás 10.00 horas e fará distintas paradas polas parroquias para recoller ás persoas anotadas á excursión. Posteriormente xantarase xa na localidade de destino, onde se asistirá ás celebracións e, finalmente, a chegada a Oia está prevista para as 22.30 horas.
As prazas son limitadas, polo que é preciso inscribirse no Concello de Oia a través dos seguintes teléfonos: 986.36.21.25 / 639.32.94.93 ou o correo electrónico cultura@concellodeoia.es. O prazo remata o luns 19 de xuño. A excursión será de balde a excepción da comida, que terá un prezo de 15 euros por persoa.
A Festa da Flor celébrase coincidindo co aniversario da elevación a vila da freguesía de Oiã, no municipio portugués de Oliveira do Bairro. A poboación lusa, que está irmandada con Oia desde hai varias décadas, adquire un especial e colorido ambiente festivo durante esta xornada. Rúas decoradas de flores, desfiles e outras actividades institucionais e de lecer compoñen a axenda desta data sinalada que congrega a milleiros de persoas.