Castro Caldelas | “O neno pastor que venceu o lobo. Lembranzas dun galego emigrado en Cataluña” é o recente libro de Olegario Sotelo Blanco nado en Quintela de Mazaira (Castro Caldelas) en 1945. Mari Carmen Romero presentou ó antropólogo de Loureses, Manuel Mandianes Castro, que resumiu os cincoenta anos de amizade con Olegario.
Ao remate da presentación abríuse un animado coloquio no que o público recalcou a sencillez, cercanía e humildade dun caldelao importante en varias actividades. Os participantes agradeceron a destacada aportación do autor do libro á cultura galega a través da editorial que leva o seu nome e subliñaron a súa calidade humana e o compromiso amosado a prol do desenvolvemento de Galicia.
O editor e escritor reparte a súa existencia de xubilado activo vivindo en Castro Caldelas e Barcelona sen facer ruído, pero fiel ao seu traballo por Galicia e Cataluña, a súa “prezada” segunda patria. Sotelo Blanco mira sempre cara o futuro, procurando que o permanente estado de provisionalidade vital non despiste o rumbo trazado. Aínda que a súa faceta de editor e empresario marcou sempre a súa figura pública, tamén é un prolífico autor de ensaio e narrativa que deixa unha pegada valiosa para a cultura.
O escritor publicou en 1978 “Galicia pueblo emigrante ¿por qué?”. En 1981, sacou “Castro Caldelas y su comarca” e dous anos despois “88 gallegos. Una tierra a través de sus gentes”.
“Hermano Antonio” saiu en 1989 e “Justo Molinero. El gran comunicador”, en 1990. “Conversas con Xaime Quessada” apareceu en 1991 así como “A emigración galega en Cataluña”. Ao ano seguinte publicou “Antropoloxía cultural da Terra de Caldelas” e en 1993, “El problema de la vivienda. La pesadilla de encontrar un piso hoy”. No ano 1994 publicou: “A concentración parcelaria, “Contos de indianos,” e, “Os afiadores. Unha industria ambulante”.
“A volta ós mundos de Tucho” saiu en 1995. “El viaje de la vida”, en 1997. No ano 2001 Sotelo Blanco publicou “No houbo queixa e outros contos exemplares” e en 2017, “Quintela de Mazaira. Terra e xente”.
O neno pastor
En “O neno pastor que venceu o lobo”, Olegario Sotelo Blanco fai unha revisión das súas vivencias a través dun texto ameno e ateigado de momentos de interese para o público lector. A figura singular do autor é, sin dúbida, un referente histórico, pois se trata dun dos máis importantes editores independentes en lingua galega que xorde tras a ditadura.
Sotelo Blanco dimensiona as anécdotas e os eventos personais inseríndoos nas diferentes épocas que lle tocou vivir e nos lugares polos que transitou. A lectura do libro resulta amena e entretida ademáis de mostrarnos con honestidade a súa dimensión humana.
A fortuna quixo que este neno pastor emigrase a Cataluña durante a primeira etapa do desarrollismo franquista. Alí coñeceu unha sociedade na que víu reflectidos os desafíos da súa amada Galicia en canto a nación política e cultural.
Mari Carmen Romero, prologuista deste volumen, expresa con sagacidade o carácter que define o autor. “Devece pola súa terra e sempre lle pesou dalgún xeito a súa condición de ausente. Creo que a súa visión da emigración e a súa experiencia existencial como emigrante fraguaron nel unha personalidade controvertida que non sempre é ben comprendida na propia Galicia”. Este libro de memorias abre unha xanela ás facetas máis íntimas de Olegario Sotelo Blanco a través das que podemos comprender mellor o talle real deste labrego editor. Nas fotos, Olegario Sotelo, Mari Carmen Romero e Manuel Mandianes e o público asistente á presentación do libro.