Adelaida Vidal é unha autora nova, en idade e percorrido literario, mais que xa viu como a súa primeira novela foi galardonada, concretamente co Premio Risco de Creación. As últimas fornadas de escritoras e escritores galegos afianzan un dos eixos temáticos máis contemporáneos: a exhibición, que non exhibicionismo, da intimidade. Insírese así na liña, pouco frecuente na nosa literatura ata hai unha década, da indagación na personalidade emotiva dunha serie de personaxes. Cada vez é máis difícil achegarse a esta cuestión cun mínimo de orixinalidade, e Adelaida Vidal faino. Neste caso os poucos anos convértense en virtude pola ollada incontaminada que lle permite verbalizar os mecanismos ilóxicos que artellan os comportamentos humanos, e que poucas veces chegamos a recoñecer por pudor ou vergoña. A exploración sempre gaña cando interpoñemos o microscopio. Por iso se potencian os sentimentos a través duns personaxes emocionalmente radicalizados, e cualitativamente mellor connotados que os que se axustan á normativización social do anódino. Nesta novela, o equilibrio non sempre é a meta.
A clave do elemento vertebrador da biografía dos diferentes personaxes e da súa representación discursiva dáse no propio título. A presión das olladas, é dicir, a adaptación ao outro, condiciona en primeiro termo as condutas dos personaxes, pero tamén a construción da propia personalidade. E cando non existe unha presenza real suficientemente atractiva como para outorgarlle tal poder, acódese á ficcionalización dunha ollada ausente. Non é circunstancial que os protagonistas sexan maioritariamente artistas, xa que a identidade, o futuro e o amor, non deixan de ser nesta obra meras creacións unilaterais que tentan apreixar o desexo adolescente da inmensidade, tal e como amosa o personaxe da Nena.
Únense así dous tipos de olladas direccionalmente opostas: as que van do obxecto observado cara o ollo, e as que van do ollo cara o obxecto observado. No último grupo sitúase a ollada dun narrador (ou narradora) que se reivindica como vouyer, a carón de personaxes de comparsa que funcionan simplemente como figurantes que miran.
As olladas de Adelaida Vidal forzan os happenings dos personaxes ao memos tempo que debuxan unha obra moi visual que reclama por parte do lector unha mirada que vaia tamén máis alá do evidente.