Estamos no mes Das LETRAS GALEGAS; mes importante para os que amamos as letras, as NOSAS LETRAS dunha maneira particular, a información, a cultura. Pero unha cultura sá, non o que hoxe temos que dixerir. Voulles ofrecer máis cousas das que veño atopando na miña particular alacena.
Cando na década dos corenta eu comezaba a “rumiar” as primeiras páxinas de xornais ou libros que chegaban ás miñas mans e que sempre me parecían poucos, (canta fame de libros pasei!!!), non podía imaxinarme que logo de todos estes anos vividos, que xa van uns cantos, ía encontrarme con tantos libros ao meu dispor, tanta información audio e visual que chegarían a emborracharme se non fixera árduos esforzos para separar o trigo da palla. A dúbida hamletina acode ao meu maxín constantemente: “que hai de certo de toda esta información que teño ao meu dispor?”.
Novas canles de información incontrolábeis por nós, lectores famentos que todo o queremos fagocitar; informadores que venden a súa alma ao diabo para conformar ese “Gran Hermano” que nos vixía, para saber se cumprimos ou non cos obxectivos que nos van marcando día a día. Non importa que o que se escribe, o que se nos mostra, o que nos chega polas ondas hertcianas sexa ou non sexa verdade. Quen fala hoxe de verdades?, A quen lle pode interesar unha sociedade decente, honesta, honrada, solidaria, vivible? Todo está baixo control. Aquí “os medios” son a fin.
Retumban nos nosos ouvidos voces que xa veñen de lonxe. Thomas Jefferson lémbranos que “a opinión pública é a base de todo o noso sistema, social, democrático; e a tarefa máis importante para manter este dereito. Se tivera que decidir entre prensa sen goberno ou goberno sen prensa decidiría, sen dúbida algunha, a primeira opción”. Claro que Jefferson non tivo que coñecer o tipo de prensa que hoxe nos asulaga neste mundo de “fakes news”. Xa Pirro, filósofo grego nacido na cidade de Elís (360-270 a.C.), considerado o primeiro filósofo ético, prevía aos seus discípulos contra “os torbellinos de sabidurías halagadoras”, aínda que naquela época a xente cría nos deuses, nas forzas da Natureza, pero tamén pensaba por si mesma, chegaba ás súas propias conclusións , sentaba a pensar. De aí a representativa escultura “Le Penseur” do escultor francés Auguste Rodin, que representa un home reflectindo sobre o seu destino. Emile Zola, no Caso Dreyfus, foi quen, dende un xornal francés independente, de enfrontarse a unha acusación falsa contra un inocente francés, tecida por un “statu quo” de depravados acólitos do chauvinismo, do militarismo, do antisemitismo. Máis tarde sería o escritor e xornalista polaco Ksawery Pruszynski quen, logo da 2ª Guerra Mundial, deixaría escrito: “a tarefa dun bo comentarista non é tocar unha interminable polca para satisfacer o gusto do público, senón explicar o que coa súa mente entende, independentemente de que o seu razoamento guste ou non guste ao Poder, á Igrexa, ás masas, á sociedade, ao pobo,…
Aos que teñen a responsabilidade de informar por calquera medio que sexa xa Georges Orwell lles lembraba; “non vaiades crer que durante anos e anos podedes estar facendo de servís propagandistas de calquera réxime ditatorial e logo volver repentinamente á honestidade informativa, intelectual. Basta con que unha vez te prostitúas para que xa te convertas nunha puta”.
Nunca tiveramos tanta e tan variada información ao noso alcance; somos a poboación máis informada da Historia; tamén somos a máis vulnerable. Ese tumulto informativo que traemos nun sinxelo móbil está formado por unha trama de datos verdadeiros e datos falsos que non somos quen de descifrar. Que é verdadeiro? Que é falso? Somos os máis informados pero tamén os máis vulnerables. Nestes momentos existe unha páxina WEB ou portal, na que traballadores da RTVE denuncian como se lles obriga a dar en pantalla e no micro as noticias que eles saben non foron contrastadas; informar parcialmente. E isto faise dende unha canle pública que pagamos todos cos nosos impostos. Imaxínanse o que non poñen sobre a mesa empresas que só buscan aumentar o súa conta de beneficios e que lles importa un pemento sexamos ben ou mal informados? Logo, para máis inri lemos “Hai que preservar a autonomía das redaccións e dos directores; preservar o dereito dos cidadáns evitando que especuladores e aventureiros vulneren os seus dereitos a unha información verdadeira”. Isto escrito nun xornal que nos últimos anos vén de argallar informacións, supostos dossiers falsos contra un partido que se lle enfrontou pola súa falta de equidade informativa. Dúas caras dunha mesma imaxe. En cal vai crer o lector? Ese é o xogo; crear tal confusión que xa non saibamos quen é quen, cales son as noticias falsas ou as verdadeiras.
A mestra e escritora a quen se lle dedican este ano AS LETRAS GALEGAS foi unha muller que nos deixou plasmados en libros os seus pensamentos. Como lle gustaría que foran educados os nenos/as, como debería ser a súa contorna educativa. Ela fíxoo en libros editados que non podemos manipular. Podemos estar ou non de acordo coas suas ideas, pero o que non pode fallarnos é saber que ese era o seu concepto do ensino, do mundo, da literatura. Non nos enganaba; simplemente expuña as súas ideas.
Pero hoxe os medios de comunicación móstrannos un mundo inventado, creado a propósito para defender os intereses económicos, espúreos, ás veces indecentes dos que “mecen os nosos berces sen que poidamos facer nada”. Somos elementos indispensables para configurar o seu mundo.
Causa risa cando un ministro do goberno anuncia que vai impoñer unha forte taxa ás empresas que moven o mundo virtual no que nos teñen instalados e que vai destinar ese diñeiro para aumentar as nosas pensións. Curioso. Non lle preocupa que nos estean “matando intelectualmente pouco a pouco”, só lle interesa que lle cadren as contas.
Hoxe, cando vivimos o MES DAS LETRAS GALEGAS quero convidalos a todos/as a emborracharse cunha morea de libros preciosos que temos nas NOSAS LETRAS. Grazas a tantos e tan magníficos escritores/as podemos aillarnos deste “perro mundo” e debruzarnos dentro das páxinas dun libro que nos traslade a outras dimensións, onde sexamos, alomenos por unha horas, felices.