Teño unha alacena que se parece moito a unha cesta de cereixas. Vas quitando unha e saénche engarzadas todas as outras. Eu voulle botando “perlas” das que se nos ofrecen cada día. Algunhas, claro, porque se lle boto todas coas que tropezamos a cotío, en vez dunha alacena tiña que dispor dun auténtico almacén.
Hoxe vou sacar unhas cantas; tampouco se trata de aborrecer os lectores coas miñas “curiosidades”. Está claro que da curiosidade sae todo. Se pasamos pola vida sen deternos en nada, sen fuchicar en nada, acabaremos coma mobeis vellos que xa non prestan servizo. Claro que existe a curiosidade enfermiza. Aquela en que pretendemos meter o fuciño onde non temos nada que pintar. Non; eu refírome á curiosidade que peta á nosa porta con insistencia; esa que cada dia nos demanda atención dende todos os medios ao noso alcance. Ou te refuxias nun cenobio ou es “vitima” de milleiros de curiosidades. Todas elas teñen algo que ver coas nosas vidas. Agás que sexamos tan apáticos que pasemos pola vida sen comelo nin bebelo, ou sexa, como se non fora nada connosco.
A primeira cereixa que me sae hoxe refírese á distribución de libros nas escolas públicas que fomentan a educación privada e o traballo infantil.
En Castilla y León repártenselle libros aos nenos/as con contidos que animan a traballar dende nenos/as para logo poder entrar nun bo colexio ou universidade. Libros con titulos tan subxectivos como : Mi primer libro de economía, ahorro e inversión. Sobre eleccións e gobernanza aconsellan así: “Pensa se os paises gobernados por populistas tiveron en conta o benestar do seu pobo e a mellora do seu nivel de vida”. Creo que sobran comentarios. Logo aínda temos por estes lares os que falan de adoutrinamento nas escolas. Curiosos.
Durante o curso 2016 os libros que foron repartidos polos centros eran deste calibre : Mi primer libro de economía, ahorro e inversiónou “Mis primeras elecciones: sector público y sistemas de gobierno”; destinado NON a rapaces e rapazas de secundaria, NON; era para nenos/as de infantil e primaria. Repartíronse 9.000 exemplares.
En próximas entregas seguiremos falando deste tema que dá para moito. Hoxe imos facer un totus revolutus de noticias para que sexan máis dixestivas.
Estes días cócese nas Cortes xerais unha moción de censura do PSOE contra Mariano Rajoy. Cando pechamos estos comentarios non sabemos cal vai ser o resultado; si sabemos os antecedentes non os consecuentes.
O CIS, ese organismo que volve tolos aos partidos políticos, non estaba deixando en bo lugar aos socialistas. Ata lle gañaba Ciudadanos. Como é isto posible, preguntábase a xente, como se os socialistas tiveran o dereito de ser o partido elixido polos enquistados. Nestes mometos as cousas xa van cambiando de rumbo. Agora todos admiten que o PSOE pode ser acción de goberno se gaña a moción de censura. Esta está sendo o apoio que lles faltaba para endereitar o rumbo e voltar a ser unha forza gañadora. Ata que Pedro Sánchez dera un puñetazo na mesa e “con nocturnidade e alevosía” ordenou presentar a moción de censura ninguén, nin sequera dentro do Partido, o consideraba como posible inquilino da Moncloa.
Veremos que pasa. As espadas están erguidas, sobre todo entre os vascos e cataláns. Estes últimos veñen de erguer o 155 e comezan unha nova xeira. Ata cando? Ata que dende o Goberno do País lles ofrezan algo substancioso que lles calme as ansias de independencia. Difícil tarefa para quen substitúa a Rajoy pero será a única solución se queremos que o avispeiro de Cataluña se calme.
Pero a principal preocupación dos socialistas actualmente é a mala imaxe que estaba tendo Pedro Sánchez entre o electorado. Un 85% censúrao, incluídos o 60% dos votantes socialistas que aseguran desconfiar do seu Xefe.
Conseguiu ter as mans libres no Partido, sen embargo víase atrapado no seu propio éxito. Nestes momentos a situación cambiou radicalmente. Claro que iso pode durar só ata pasado mañá, venres, cando se vote a moción de censura. En calquera caso, aínda perdendo a votación que o levaría á Moncloa, o efecto de “resucitado” xa se produciu. Nada será igual a partir de agora nas filas socialistas. Toda a tropa “vermella” está detrás do seu Candidato conscientes de que era algo que lles facía falta. Un calenturón político que os sacara do marasmo en que estaban asulagados.
Pedro Sánchez tiña que facer algo rápido e contundente para suplir a deficiencia de non contar con estrado no Congreso. Alí onde os políticos se bregan e que el abandonou por coherencia consigo mesmo pero que lle estaba ocasionando un dano inesperado: ser invisible para a maioría dos españois. Todo un Rivera e un Iglesias lle comían o caldo na cabeza. Mañá e pasado veremos de novo esa estrela socialiasta refulxente. Que consiga concitar o apoio de 176 ou máis deputados precisos para a vitoria xa é outra cousa.
Diso falaremos cando volte meter a man na miña cesta de cereixas da miña particular alacena. Sexan felices!!