O Porriño | Os alcaldes de Salceda, Marcos Besada, Ponteareas, Xosé Represas, Mondariz, Xoán Carlos Montes, As Neves, Xosé Manuel Rodríguez, a alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e o tenente de alcalde de Mos, Camilo Augusto Martínez, mantiveron este luns unha xuntanza, no Concello do Porriño, con representantes do Comité de Empresa de Maderas Iglesias, e dos sindicatos CIG, CCOO e UXT, que trasladaron aos rexedores que a empresa comunicoulles a apertura dun expediente de extinción de 140 contratos-ou de todos eles, preto de 300- o vindeiro día 12 de xaneiro.
Ante esta situación, os alcaldes e alcaldesa veñen de solicitar un encontro ao máis alto nivel, con representantes da Xunta de Galicia, acompañados polos membros do Comité de Persoal, de cara a evitar a eliminación destes empregos- ou da totalidade deles-e o peche dunha empresa que consideran parte dun sector estratéxico para a economía galega como é o da madeira.
Os alcaldes e a alcaldesa, coñecedores do interese da Xunta en evitar a eliminación destes empregos, considerando que a a empresa recibiu no seu día fondos públicos por medio do IGAPE e lembrando que todos os grupos do Parlamento de Galicia aprobaron unha iniciativa apoiando tomar a iniciativa para facer viable Maderas Iglesias, piden ao Goberno de Galicia que nesta situación de extrema gravidade para a continuidade desta firma, fagan efectivos os termos desta iniciativa e preste as garantías posibles e necesarias para manter os empregos.