Tras a sesión inaugural, o profesor Xoán Carlos García Porral ofreceu unha ollada antropolóxica e presentou un traballo de campo realizado en dúas aldeas do rural de Lalín no que se identifican e analizan parte dos nomes cos que son denominadas 55 casas e os alcumes que definen a algún dos seus moradores ou a familia en xeral. Aínda que non son algo exclusivo do rural, “nas sociedades tradicionais e campesiñas tanto os alcumes como os nomes das casas son mellores definidores ca os nomes e apelidos”, explica. “No rural galego a xente noméase polo nome da casa. A pregunta e logo de que casa es? é tradicional entre a xente das aldeas. Vivir baixo o paraugas dunha casa con nome é o primeiro elemento identitario dunha persoa ante o resto da sociedade”, engade.
Os espazos que analizou o antropólogo serven de exemplo das orixes e dos significados habituais dos alcumes e nomes de casas: nomes propios dalgúns dos seu moradores (A de Mensamino, Paulos), topónimos, o aspecto físico (O Longo, Tripón, Chaval), o carácter (O Minuto), profesións ou nomes de animais, entre outros.
Rosario Soto Arias detívose deseguido nos alcumes e sobrenomes na Galicia medieval. A profesora, e membro da Asociación Galega de Onomástica (AGOn), analizou máis de 1.300 tirados sobre todo de dous corpus, o Xelmírez e o Codolga. Ademais de indagar na súa orixe e no seu significado, profundou en dous fenómenos característicos importantes: “os alcumes e sobrenomes hérdanse e son fonte de apelidos actuais, entre eles algúns tan comúns como Fariña, Ferreiro ou Pardo”. “A lingua medieval espellada nos sobrenomes e alcumes é unha enerxía creadora en fase de rica xeracións de formas. Algunhas callarán e outras desaparecerán”, sinala Rosario Soto.
Os apelidos tamén centraron a conferencia da académica correspondente Luz Méndez, quen incide igualmente na antigüidade da fixación dos sobrenomes como apelidos. “Moitos destes sobrenomes, coma Calvo, Bo, Corvo ou Amigo, xa están datados en textos en latín, escritos en Galicia, nos séculos X e XI e, polo tanto, levan connosco desde o principio da lingua”, conta.
O público puido ademais coñecer o proxecto colaborativo desenvolvido no IES Sánchez Cantón de Pontevedra baseado no barrio da Moureira. “O obxectivo principal foi espertar no alumnado o interese polo léxico da súa lingua e recuperar a memoria da cidade e do seu barrio a través da investigación sobre os alcumes”, resume a profesora Anxos Rial. A iniciativa permitiulles ademais aos mozos e mozas aprenderen a “valorar e recoñecer a aquelas persoas de idade que son as depositarias do coñecemento e das raíces do seu propio idioma no seu emprego cotián, na vida familiar e na relación social coa súa veciñanza”.
O programa da mañá contou tamén coa achega de Lidia Gómez, que ofreceu unha aproximación á clasificación lingüística dos alcumes en Galicia. A tarde arrincará, a partir das 16:30 horas, co relatorio de David Rodríguez, técnico de normalización lingüística do Concello de Cedeira, que ofrecerá un relatorio sobre os chamados ditados tópicos, os alcumes colectivos dados aos habitantes dunha localidade no seu conxunto, tamén chamados xentilicios festivos.