A intervención de David Rodríguez baséase no Portal de ditados tópicos galegos, unha base de datos con máis de 1.500 alcumes colectivos creada a partir do convenio asinado entre o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Camilo José Cela para aproveitar os materiais galegos dun ambicioso proxecto do premio Nobel, a redacción do Diccionario geográfico popular de España, que acometeu coa colaboración de carteiros de todo o Estado. “A comezos de 1971, enviou ás xefaturas de Correos, para o seu reparto entre os carteiros, máis de 25.000 enquisas en que solicitaba información sobre ditados tópicos das localidades que servían ou doutras veciñas. Pero esta cantidade inxente de datos quedou inédita na súa maior parte”, recorda o filólogo.
O Portal de ditados tópicos galegos ofrece dixitalizadas e transcritas máis de 1.200 fichas que constitúen unha rica fonte para o estudo dos alcumes colectivos. “Nesta base de datos rexístranse ata 1.772 formas, que son a un tempo alcumes e xentilicios. Van desde o máis descritivo, como os zapateiros, os veciños de Noia, polo oficio, ata o máis despectivo, como os carrachentos para se referir aos de San Breixo de Oza, parece que só para “ofender”, pon como exemplo David Rodríguez.
O último relatorio da tarde estará dedicado aos nomes que se asignan a si mesmas as persoas editoras da Wikipedia. Adrián Estévez Iglesias, da Fundación Otero Pedrayo, falará destes novos nomes, que permiten identificarse ante unha comunidade de usuarios e, ao mesmo tempo, manter a miúdo o anonimato. “Antropónimos, topónimos, datas, oficios ou afeccións son algúns dos motivos que se esconden detrás destes sobrenomes, algúns deles transparentes e outros máis escuros”, resume.
Unha mesa redonda sobre perspectivas multidisciplinares no estudo da onomástica poralle o ramo á xornada a partir das 18:00 horas. Nesta última sesión amosaranse as posibilidades que os topónimos ofrecen no estudo de campos tan diversos como a literatura ou a botánica. O catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña Manuel Ferreiro achegarase á toponimia pondaliana; Jaime Fagúndez, investigador da mesma universidade, abordará o valor dos fitotopónimos para os estudos botánicos; e José Carlos Sánchez Pardo e Marcos Fernández Ferreiro, da Universidade de Santiago de Compostela, falarán sobre a importancia da identificación e xeorreferenciación dos topónimos altomedievais.
As sesións serán presentadas polos membros do Seminario de Onomástica da RAG Xesús Ferro, Antón Palacio, Gonzalo Navaza e a propia coordinadora do programa, Ana Boullón.