Ponteareas | O Concello de Ponteareas inaugurou este 20 de novembro o Museo a Ceo Aberto do Corpus Christi, unha iniciativa pioneira en Galicia que permitirá de xeito virtual “que o Corpus se viva nas rúas de Ponteareas”, tal e como explicou a alcaldesa Cristina Fernández Davila.
O acto de inauguración formal realizado no Salón de Plenos do Concello contou coa participación de todos os membros da Corporación Municipal, así como da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o representante de ABANCA, José Luis Romero, un dos patrocinantes desta iniciativa, o representante da empresa Kendra, Diego Asorey, encargada da aplicación virtual que permite a reprodución das imaxes do Corpus en distintos puntos da vila; asociacións de alfombristas, veciños e outras autoridades.
O discurso inaugural correu a cargo da concelleira de Turismo, Eva Gil, impulsora desta iniciativa, quen salientou ao Corpus “como patrimonio e recurso económico para Ponteareas”, destacando “o valor da xente que fai posible o Corpus” e que, con esta iniciativa virtual, agárdase “que os veciños tamén se sintan representandos” nunha iniciativa que permite que “Ponteareas sexa un museo aberto”.
En declaracións ao noso medio, a concelleira Eva Gil considerou que esta iniciativa “non deixa de ser un recurso turístico e o que se busca é que teña unha repercusión a nivel económico” para Ponteareas a través “dos visitantes e turistas que permita, ó mesmo tempo, aumentar o consumo local principalmente na hostelería, e acadar un maior desenvolvemento económico da vila”.
Co respecto á celebración do Corpus 2022, a concelleira Gil considerou que “agardamos que o vindeiro ano podamos ter un Corpus como temos acostumados, con total normalidade, e que este museo aberto tamén se nutrirá de todo o que vai vir a partir de agora en canto a novas imaxes, entrevistas” e demais material pertinente.
Pola súa banda, Diego Asorey explicou o traballo que supuxo recoller “máis de 500 imaxes dos veciños sobre o Corpus” para adaptalas a unha aplicación virtual en código QR que pode escanearse a través dos móbiles en 19 puntos distintos de 22 tramos da vila ponteareán. Para iso, Asorey explicou as tres fases desta iniciativa: “Historia; imaxe e vídeo; e 360”. Igualmente, José Luis Moreno, de ABANCA, salientou como esta iniciativa virtual do Corpus “combina cultura, arte, patrimonio e tecnoloxía”.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou que con esta iniciativa “o Corpus traspasa o seu sentido relixioso a outra dimensión máis cultural, espiritual e turística”. Considerou tamén o apoio da Xunta de Galicia a estas iniciativas no marco do Xacobeo 2021-2022.
Finalmente, a alcaldesa Fernández Davila, destacou o labor dos alfombristas do Corpus “como os verdadeiros protagonistas desta historia” que pon en valor “a Nosa Festa de Interese Turístico Internacional”, que permite a proxección turística da vila e “a activación do seu comercio local”.
Tras o acto de inauguración, as autoridades saíron as rúas para certificar o funcionamento dos códigos QR nos distintos puntos establecidos na vila, escaneando a través dos seus móbiles e comprobando a emisión das imaxes e da información correspondente a través da aplicación do web do Concello.
Foi un percorrido dun quilómetro e máis de 320 fotos, vídeos e imaxes en 360, ferramenta que permitirá aos veciños e turistas gozar das alfombras florais os 365 días do ano.