Santiago de Compostela | “Os Bolechas” acaban de renovar por dous anos máis coa Televisión Pública de Portugal (RTP) na que empezaron a emitirse hai máis de sete anos, en xaneiro de 2015. Cando cruzaron a fronteira, os populares personaxes de Pepe Carreiro levaban xa tres anos na Televisión de Galicia, polo que neste 2022 celebran o décimo aniversario da súa estrea audiovisual que supuxo un éxito similar ao que xa acadaran anteriormente no ámbito editorial.
Con esta renovación, a familia Bolechas seguirá divertindo diariamente coas súas aventuras as nenas e nenos de Portugal durante dous anos máis, ofrecéndolles unha alternativa de ocio achegada aos seus referentes culturais e á súa contorna, de xeito que interioricen conceptos e valores de forma amena e natural.
Esta vertente pedagóxica, unida ás divertidas historias dos Bolechas, foron chave para a súa expansión e seguen a ser garantía de éxito dunha serie que vén de dar un paso máis en Galicia coa emisión, este pasado Nadal, de Merenda cos Bolechas, un programa en streaming a través da canle de Youtube da TVG no que a audiencia podía interactuar cos seus personaxes favoritos en directo cada tarde.
Un paso máis na aposta por combinar os libros –razón de ser dos Bolechas– coas novas tecnoloxías e ofrecer produtos de calidade atractivos para as novas xeracións.
De feito, en Portugal a familia Bolechas tamén era coñecida antes do salto á pequena pantalla grazas aos libros, que no país veciño se publicaron baixo o nome Os Bochechas.
Malia todo, a súa emisión na Radio Televisión Pública de Portugal e na RTP Açores para todo o territorio portugués, así como para os países lusófonos do continente africano a través da RTP África, supuxo un fito histórico que confirmou a boa acollida da popular familia fóra de Galicia.
Un éxito que xa se vivira antes coa emisión dos Bolechas, en lingua asturiana, na Televisión Pública de Asturias e que se repetiría noutras comunidades autónomas.
Tras un Nadal cheo de actividade tanto no eido editorial como nos escenarios –coa xira do Crebanoces– e no audiovisual, Os Bolechas preparan novas sorpresas para este 2022 en que se cumpre ese aniversario tan especial: 10 anos de traxectoria audiovisual ininterrompida.