Lugo | O Consorcio provincial para a Prestación do Servizo Contraincendios e Salvamento de Lugo, no que participan ao 50% a Xunta de Galicia e a Deputación, entregou un equipo de excarceración ao parque de bombeiros de Viveiro para levar a cabo actuacións de salvamento e rescate.
O novo equipamento tivo un orzamento de 44.000 euros e servirá para responder en situacións de emerxencia como accidentes de tráfico con persoas atrapadas, rescates en espazos confinados ou estruturas colapsadas, así como outras circunstancias que requiran o emprego deste tipo de ferramentas.
O equipo está composto por unha bomba a motor, dúas cizallas hidráulicas, tres mangueiras, dous cilindros telescópicos, un separador hidráulico, unha estación de ferramentas, un sistema de protección de airbag e un escudo protector.
A Xunta e a Deputación colaboran no funcionamento dos seis parques comarcais de bombeiros da provincia de Lugo que dependen do Consorcio: Barreiros, Viveiro, Vilalba, Chantada, Sarria e Monforte de Lemos.