O Porriño | Escolares e profesorado dos centros educativos do Porriño viviron evacuacións realistas nos seus centros, guiados pola Policía Local. Soamente os directores/as dos centros estaban ao corrente destes simulacros, para que a experiencia fose o máis real posible.
Deste xeito, a Policía Local xunto con Protección Civil, simulou incendios con máquinas de fume estratéxicamente colocadas no interior dos centros para que se activaran tódolos protocolos de seguridade e evacuación. Incluso se contaba coa colaboración dos directores dos centros para `agochar´ algún neno/a nalgunha estancia e traballar a resposta nos profesores encargados, coa finalidade de comprobar si se cumpren os protocolos de evacuación e de afianzalos, tanto nos alumnos/as, coma nos mestres e resto de traballadores dos centros.
Nesta ocasión os centros nos que se fixeron os simulacros de evacuación foron o CEIPP Antonio Palacios, CEIPP da Ribeira, CPR Santo Tomás, CEIP Cruz Budiño, CPR Hermanos Quiroga e CEIPP Atios. O CEIPP Fernández López xa levara a cabo o simulacro no primeiro trimestre.
Estes teñen o obxectivo, polo tanto, de valorar a metodoloxía cun caso práctico realista: se a evacuación se desempeña no tempo e na forma adecuada, se reúnen no punto de encontro acordado e se os responsables comproban que están a salvo tódalas persoas baixo a súa responsabilidade.
Daniel Rodríguez, Inspector Principal Xefe da Policía Local do Porriño aclara que “esta é a metodoloxía de traballo idónea para fomentar os planes de autoprotección e, tanto o alumnado e o profesorado, teñan interiorizado unha evacuación nunha situación real”.
Pola súa banda, a Concelleira de Educación, Carolina González apunta que “dende o Concello, en colaboración cos centros educativos do Porriño, realizamos estos simulacros tratando de ser o máis reais posibles e nunha situación de risco, tal e como aparecen recollidos nos plans de evacuación dos propios centros. Trataremos de levalos a cabo todos os anos para que estean preparados en caso de que se presente unha situación na que teñan que evacuar o edificio”.