A Coruña | Arrincou a XXXI edición dos Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras” dándolles a benvida a preto de 80 estudantes procedentes de vinte e catro países de Europa, América, Asia e África, e cinco comunidades autónomas do Estado español. Como é tradición, as aulas desenvolveranse en Santiago de Compostela combinando as sesións teóricas e prácticas cun programa de palestras protagonizado por mulleres e homes que destacan na cultura galega desde os seus respectivos eidos de acción, obradoiros de música e baile ou roteiros.
A Real Academia Galega coorganiza os Cursos “Galego sen fronteiras” para persoas de fóra de Galicia da man do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña. A inauguración destes encontros terá lugar este luns 2 de xullo, ás 13:00 horas, no salón de actos da Facultade de Filosofía (praza de Mazarelos). Intervirán o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; os directores dos cursos, os académicos Henrique Monteagudo e Xosé Luís Regueira, que falará como director do Instituto da Lingua Galega; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei; e o vicerreitor de Profesorado da USC, Ernesto González Seoane.
O alumnado desta trixésimo primeira edición procede de Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, Cuba, Ecuador, Estados Unidos, México, Marrocos, Singapur, Xapón, Alemaña, Bélxica, Inglaterra, República Checa, Croacia, Francia, Hungría, Irlanda, Italia, Polonia, Portugal, Rusia, Suíza e as comunidades autónomas de Andalucía, Cataluña, Madrid, Estremadura e País Vasco.
O catedrático de Historia Contemporánea e académico de número Ramón Villares impartirá o martes 3 de xullo a conferencia inaugural, que versará sobre os símbolos de Galicia. O músico Mauro Sanín, os xornalistas María Obelleiro e Alberto Mancebo, a actriz e o actor de Chévere Patricia de Lorenzo e Manuel Cortés, o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; a investigadora e poeta María do Cebreiro Rábade Villar; a profesora e creadora de 21 días co galego, Pilar Ponte; a xurista Alba Nogueira, o científico e divulgador Xurxo Mariño e o sociolingüista bengalí Anik Nandi son os demais convidados do programa de palestras. Desde esta tribuna achegarán ao alumnado un percorrido pola historia da música galega e distintos puntos de vista sobre a lingua de noso, desde os medios de comunicación, o ensino e o dereito ata a neurociencia. María do Cebreiro reflexionará sobre a relación entre poesía e lugar e Anxo Angueira guiará unha visita á Casa Rosalía de Castro que rematará cunha conferencia sobre a autora e un recital.
Obradoiros de baile galego e de regueifas, un roteiro pola Compostela musical ou unha excursión de fin de semana completan o programa que se desenvolverá ata o 24 de xullo. Toda a información sobre os XXXI Cursos de lingua e cultura galegas pode consultarse no blog http://cursoslinguagalega.academia.gal/.