O Porriño | O tecido empresarial do Porriño dá unha nova mostra da súa implicación social, colaborando como cada ano co programa municipal de alimentos.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Servizos Sociais, Abel Estévez, recibiron hoxe a doazón de 175 lotes de Nadal da man de representantes da asociación de empresarios de A Granxa, que aportou 50 lotes, e da empresa Ceamsa, que sumou 125. Xunto cos 75 que aportará o Concello do Porriño serán repartidos entre as familias usuarias deste servizo municipal para celebrar estas datas tan especiais.
As aportacións do empresariado porriñés non se limita a estas datas, pois recentemente se recibiron achegas de empresas como Darlim ou Elecpor que doaron unha gran cantidade de leite e pasta ao banco de alimentos.
“A responsabilidade social e co compromiso que demostran os nosos empresarios co seu pobo é eloxiable e estamos enormemente agradecidos de que exista esta sinerxia que tanto beneficia aos porriñeses”, explicou o alcalde, “Traballando da man podemos axudar máis a todos estes veciños que pasan momentos complicados e estou enormemente agradecido de que O Porriño poida contar con eles”.
Ambos respresentantes municipais estenderon este agradecemento á sociedade porriñesa que responde a cada unha das peticións de axuda do programa de alimentos. “A solidariedade da veciñanza déixase sentir cada vez que facemos un chamamento”, engadiu o edil, “Como foi o caso da campaña de recollida A Hora de Dar, proposta polos nenos e nenas do Porriño. Recollimos moitísimos produtos de alimentaición e hixiene infantil en todos os coles, a resposta foi impresionante”.
O programa municipal de alimentos, SOS Porriño, atende na actualidade a máis de 150 familias, que reciben unha vez ao mes alimentos, con carácter xeral, aínda qu etamén hai achegas a maiores en ocasións destacadas, como estas datas, dependendo da dispoñibilidade de recursos.